EN RESPOSTA A UNHA PREGUNTA DE VILLARES

Feixoo nega a convocatoria de folga en Atención Primaria

Feixoo nega a convocatoria de folga en Atención Primaria

En Marea e o PSdeG centraron as súas preguntas ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na situación que sofre a sanidade pública. As intervencións coincidiron no tempo coa peregrinación do colectivo Precarias pola Atención Primaria, que se manifestou contra os recortes.


Luís Villares, portavoz de En Marea, comezou a súa intervención na sesión de control ao goberno informando a Feixoo da peregrinación do colectivo Precarias pola Atención Primaria en protesta polos recortes e dado que a Consellaría “non atende as súas demandas”. “Deberían atender e recibir os profesionais que peregrinan impotentes”, apuntou Villares, que lembrou que os PAC desenvolven unha folga indefinida desde xaneiro “cuns servizos mínimos do 100%”.

“Están en folga porque vostede non cumpre coa lei nin cos acordos”, afirmou o portavoz de En Marea, quen lembrou que en 2008 “había un acordo que deixaron en papel mollado cando chegaron á Xunta”. Tamén se referiu á greve convocada nos centros de saúde de toda Galiza para o 9 e o 12 de abril. Unha greve que Feixoo negou, “non hai convocatoria de folga en Atención Primaria, aínda que vostedes tentan que a haxa”. Días antes, o presidente da Xunta declaraba publicamente non ter constancia de conflitos na Atención Primaria.

Villares: "Non chegaron a acordo ningún. Fixeron pasar unha reunión de traballo por un acordo”

“En tres minutos, dixo vostede tres mentiras”, retrucoulle Villares. Referíase á baixada do Imposto de Sociedades, que previamente negara Feixoo; ás cinco sentenzas do TSXG que condenaron a Xunta por vulnerar servizos mínimos en distintas folgas, que Feixoo tamén negou, e ao acordo entre o Sergas e os colexios médicos ao que previamente aludira o presidente da Xunta, “menten! Non chegaron a acordo ningún. Fixeron pasar unha reunión de traballo por un acordo”, apuntou o dirixente de En Marea.

Pregunta do PSdeG

Tamén preguntou sobre sanidade o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen lle recriminou a Feixoo que desde 2011 se multiplicase por 1,8 a porcentaxe de persoal eventual na sanidade pública galega. Informou de que en Atención Primaria “hai 1.250 prazas menos”.

Leiceaga: "Leve a rectificación aos orzamentos e ás normas"

“En xaneiro animeino a rectificar e a ser valente. Deron algún paso tímido, non sei se son acordos, actas... mais non é suficiente. Ten que ser máis radical na súa rectificación”, salientou Leiceaga, que instou Feixoo a “levar a rectificación aos orzamentos e ás normas legais”. “Sen novos recursos non vai ser posíbel cumprir o que din”, agregou.