ELECCIÓNS XERAIS

Feixoo e o PP introducen as procesións en campaña

Feixoo e o PP introducen as procesións en campaña
Núñez Feixoo na procesión de Ferrol [Imaxe @JoseManuelRey]
Núñez Feixoo na procesión de Ferrol [Imaxe @JoseManuelRey]  

A Semana Santa discorre no medio da campaña das xerais máis tensa e mediática dos últimos anos. Unha mestura de relixión, institucións e votos na que Feixoo resulta galardoado pola Confraría das Dores. Ademais, as redes sociais énchense de fotos de alcaldábeis do PP desfilando en procesións.


A ignorada fronteira entre relixión, sociedade e institucións públicas tórnase máis borrada nunha Semana Santa que atravesa polo medio a campaña electoral máis mediática e tensa dos últimos anos. Neste escenario, o presidente da Xunta vén de ser galardoado coa Medalla de Ouro da Confraría de María Santísima das Dores, coincidindo coa celebración das procesións ferrolás, que tamén contaron coa súa presenza.

A estas celebracións relixiosas, Alberto Núñez Feixoo acudiu co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. No acto da entrega da medalla relixiosa, tamén estiveron presentes o delegado da Xunta, Ovidio Rodeiro, e o deputado e alcaldábel ferrolán Rei Varela, unha auténtica procesión das e dos representantes políticos de Galiza a máis alto nivel.

Feixoo e os alcaldábeis do PP non perden as procesións

ferrol

As redes sociais das candidatas e candidatos do Partido Popular están repletas estes días de fotos e selfies para deixar testemuña gráfica do seu apoio explícito e participación nas procesións relixiosas. Os máis activos son Feixoo e Rei Varela, que durante dous días seguidos participaron das procesións de Ferrol, na das Angustias o “Xoves Santo” e na do Santísimo Cristo da Misericordia o seguinte día. Rei Varela salientou nas súas redes o “orgullo, paixón e devoción” destas procesións.

A alcaldábel do PP pola Coruña, Beatriz Mato, deixou constancia da súa participación na primeira liña nas procesións do Santo Enterro, o Cristo do Amor e Nosa Señora das Angustias. Na súa conta de twitter sinalou que foi “un privilexio poder compartir a emoción e a paixón”.

beatriz mato

Elena Muñoz, a candidata do PP que pula pola alcaldía de Vigo, e Diego Gago, número dous ao Congreso por Pontevedra, estiveron na procesión da Paixón. Muñoz apelou na redes a que “debemos participar e apoiar as nosas tradicións”.

O popular Agustín Hernández, ex alcalde de Compostela, asegurou atoparse “feliz e honrado de participar na procesión de Vera Cruz” aludindo a sentimentos de orgullo.

Ciudadanos critica falta de hixiene nas rúas compostelás que acollen as procesións

Desde o partido de Albert Rivera veñen de denunciar “a presenza de feces en plena rúa ao paso dunha procesión en Santiago ”, e acusan ao goberno municipal de “non respectar as tradicións”. Critican tamén que os contedores se atopan desbordados e sen recoller, o que pode danar o turismo na cidade.