ACTO DE PRESENTACIÓN DOS 313 CANDIDATOS "POPULARES"

Feixoo: "O PPdeG é o partido que máis se parece a Galiza"

Feixoo: "O PPdeG é o partido que máis se parece a Galiza"
PPdeG
PPdeG  

O presidente da Xunta cargou contra "os partidos que cren que defender España é incompatíbel con defender Galiza"


O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, reivindicou este mediodía o PPdeG como "o partido que máis se parece a Galiza, fronte aos que demostran que Galiza non lles importa nada", no acto de presentación dos 313 candidatos e candidatas ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. O líder dos "populares" galegos cargou contra todos os seus adversarios asegurando que "hai partidos que, tendo a oportunidade de gobernar durante estes catro anos, non fixeron nada e só se centraron nas súas leas de partido; que pedirán o voto para Bildu e para Esquerra Republicana; ou que só gobernan para os seus socios e, mentres aos galegos lles baixa un 30% os Presupostos do Estado, a outros territorios sóbellos arredor dun 30%". 

Tamén tivo palabras para os seus aliados en Andalucía. Así, "fronte a partidos que cren que defender España é incompatible con defender Galicia", o presidente galego salientou que o PPdeG quere "unha Galiza que progrese para unha España que progrese; unha Galiza que creza para unha España que creza; e unha Galiza máis grande para unha España máis grande”.

En contraposición, e ademais de insistir no "orgullo de pertencer ao Partido Popular" e que "ningún partido fixo máis por España que o PP e ningún partido fixo máis por Galiza que o PPdeG", Feixoo subliñou que a súa é unha formación "que está sempre ao servizo dos galegos e que tenta ser un instrumento útil e poñer en valor o esforzo das familias: o PPdeG é froito de Galiza, das galegas e dos galegos", dixo antes de engadir que "somos o partido que máis se parece a Galiza".

Asegurou o presidente galego pertencer a un partido "con principios e que, como Galiza, sabe aplicar o puro sentidiño; afastado do oportunismo, da intolerancia e da intransixencia; con argumentos, que prefire sumar e que defende sempre os intereses xerais. Nós non necesitamos impoñer nada a ninguén, porque preferimos convencer”, destacou.

Ante un auditorio de preto de 2.000 persoas, segundo o PPdeG, Feijóo salientou que os candidatos dos 313 concellos representan “a Galiza auténtica: ao rural, ás cidades, aos autónomos, aos empresarios, aos mozos, aos máis veteranos, aos que falan galego e aos que falan castelán". Manifestou tamén que "ao mesmo tempo que todos os partidos critican ao PPdeG, todos queren os nosos equipos, os nosos resultados na xestión e a nosa presenza, programa e propostas en cada un dos concellos. Poden imitar o que pensamos e como falamos, pero nin poden imitar todo o que fixemos nin poden copiar todo o que somos”, rematou.