SESIÓN DE CONTROL

Feixóo presume de execución orzamentaria fronte ao ‘escaso cumprimento’ das ‘cidades rebeldes’

Feixóo presume de execución orzamentaria fronte ao ‘escaso cumprimento’ das ‘cidades rebeldes’
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.
Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza.  

O presidente non desaproveitou na súa réplica a oportunidade de furgar na división interna de En Marea. “Non diga que non acabo de axudarlle con esta réplica”, dixo Feixóo após situar Compostela, A Coruña e Ferrol – cidades con alcaldes críticos con Villares- como concellos cun baixo nivel de cumprimento en investimentos.


Feixóo sabe xogar na ‘lameira política’. Unha táctica, non exclusiva do presidente nin do seu partido nin deste Parlamento, que Núñez Feixóo trae á tona preferentemente nas sesións de control ao presidente. Sesións nas que a oposición pregunta e o presidente responde convértense en sesións onde o presidente carga - sexa cara a cara ou sexa ás canelas- contra a oposición. “Non utilice o comodín do bipartito”, pediulle Ana Pontón (BNG) a Feixóo após este responder ás preguntas da nacionalista sobre a ‘fracasada’ política forestal da Xunta con ataques e referencias ao goberno de coligazón entre socialistas e nacionalistas.

Volveu dar o mandatario de Monte Pío unha mostra desta ‘habilidade’ política na súa réplica e contra réplica con Luis Villares (En Marea). Este atacaba o escaso grao de execución orzamentaria (“57%”) da Xunta en políticas de emprego. Un país que foi o quinto territorio do estado onde máis emprego se destruíu e que é o segundo onde menos se crea, explicou Villares, ben merece que todo ese esforzo orzamentario se execute. Feixóo desprezou os dados ofrecidos polo de En Marea (“Quen lle fai os papeis?”), pediulle coherencia (“xa non para poder entendelo eu, senón para que o poidan entender os seus propios compañeiros”) e afirmou que a execución real dos orzamentos para emprego estaba en 70%.

Mais a pílula final deitouna Feixóo na recta final da súa segunda quenda de réplica. Coemzou a enumerar unha serie de datos que, dixo, demostrarían que as ‘cidades rebeldes’ en mans das marés -A Coruña, Compostela e Ferrol- teñen un grao de execución menor que o da Xunta. Unha afirmación que completou cun comentario final dirixido ao propio Villares: “Non diga que non acabo de axudarlle con esta réplica”. Ironía para revestir o que era unha carga de profundidade: os rexedores desas tres cidades son moi críticos co portavoz de En Marea.

“Demagoxia” co eucalipto

Ana Pontón (BNG) puxo en cuestión a política forestal da Xunta, continuista coa que este goberno de Feixóo leva desenvolvendo estes anos e que sempre conduce ao mesmo escenario: incendios, eucaliptización, abandono do rural… Emprazou a nacionalista ao presidente a abandonar “a fuxida cara adiante” e a apostar noutras políticas.

Así, lembrou que o BNG leva tempo poñendo sobre a mesa iniciativas e achegas, desde na ordenación do territorio até na política agraria e forestal ou na dotación de recursos para dar solución á problemática actual. Procurar unha moratoria do eucalipto e zonas de alto risco de incendios ou pular por un monte multifuncional, entre as propostas. Ningunha delas gostou ao presidente, que acusou Pontón de “facer demagoxia” co eucalipto.

Universidades

Para a pregunta de Fernández  Leiceaga (PSdeG) deixou Feixóo as respostas que procuran titulares. O portavoz do PSdeG instou o goberno galego a un maior compromiso con mestrados e post-graos nas universidades galegas e pediu maior dotación económica para as bolsas. O presidente da Xunta aproveitou e fixo entón dous anuncios: conxelar as taxas universitarias no novo curso (“sería o sétimo ano en que facemos iso”) e poñer a metade de prezo os máster profesionalizantes.