Feixoo sae en defensa de Ence

Feixoo sae en defensa de Ence
[Imaxe: Xunta] Feixoo, nunha visita a Pontecaldelas, onde realizou declaracións en relación a Ence
[Imaxe: Xunta] Feixoo, nunha visita a Pontecaldelas, onde realizou declaracións en relación a Ence  

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, critica o “cambio de criterio” do Goberno central, que abriu a porta a anular a prórroga da concesión outorgada a Ence para se manter por 60 anos máis na ría de Pontevedra.


Feixoo non gostou da decisión do Goberno central de non defender a prórroga a Ence na causa aberta na Audiencia Nacional. Unha decisión que abre a porta a que a factoría teña os días contados na ría de Pontevedra.

O presidente da Xunta afeoulle ao Goberno de Pedro Sánchez o “cambio de criterio” e adiantou que o Executivo galego “exercerá as súas competencias” en defensa, dixo, “dos traballadores e familias” cuxa actividade está ligada a Ence.

“Non ten sentido que, hai dous anos, se envíe unha mensaxe de tranquilidade á empresa e aos traballadores, que facilita o investimento, e dous anos despois se mude de criterio”, indicou Feixoo, que ve na decisión do Goberno “motivos políticos” propios de “época electoral”.

Lamentou, ademais, que a Xunta non fose informada do parecer do Executivo central, “soubemos polos medios e pola empresa que o Goberno está disposto a que Ence feche”. Cualificou o feito de “falta de respecto” a Galiza e advertiu da “inseguridade xurídica”. Ademais, Feixoo instou o Executivo de Sánchez a rectificar.

A Audiencia Nacional tramita tres procedementos que solicitan a nulidade da resolución que outorgou, co Goberno de Mariano Raxoi en funcións, a prórroga. Trátase de tres peticións formuladas polo Concello de Pontevedra, pola Asociación en Defensa da Ría e por Greenpeace.

Feixoo, do lado de Ence

Non é a primeira vez que Feixoo se pon do lado de Ence. A finais de 2018, o DOG publicaba unha actualización da autorización ambiental da que dispuña a factoría desde abril de 2008. O Goberno galego prorrogou a autorización ambiental logo de rexeitar todas as alegacións formuladas polo goberno municipal de Pontevedra (BNG) e de colectivos como a Asociación pola defensa da Ría (APDR), Confraría de Pescadores de Lourizán e a Marea local.

Ao pouco de conceder a prórroga da autorización ambiental, tiña lugar na fábrica de Ence en Lourizán un incendio orixinado na zona da torre de refrixeración, onde se desenvolvían obras que, segundo o Concello, carecían de licenza.