SESIÓN DE CONTROL

Feixoo tacha de “apocalíptica” a oposición por pedirlle que actúe en Alcoa e contra a precariedade laboral

Feixoo tacha de “apocalíptica” a oposición por pedirlle que actúe en Alcoa e contra a precariedade laboral

En Marea reprochoulle ao presidente galego unha reforma fiscal que permite aos ricos galegos aforrar “18 millóns de euros”, o PSdeG ínstao a tomar medidas contra a temporalidade e precariedade laboral e o BNG a que asuma unha posición “de país” para garantir produción e emprego na factoría coruñesa.


Na sesión de control ao presidente que esta cuarta feira decorreu no Parlamento Feixoo empregou en varias ocasións a expresión “visión apocalíptica” para intentar desprestixiar as preguntas da oposición. Lanzar a mensaxe de que En Marea, PSdeG e BNG están fóra da realidade e se regodean nas dificultades do país, debuxando un panorama negro e apocalíptico.

A primeira en intervir foi Ana Pontón (BNG), que instou Feixoo a asumir na defensa dos traballadores e traballadoras de Alcoa “unha posición de país”. Así, a portavoz nacionalista tendeu a man ao presidente para facer esa “posición de país”. Unha fronte de “sindicatos e partidos” que teña peso fronte ao goberno central. Pontón sinalou tres puntos chaves ao seu entender: a retirada do ERE, unha tarifa para industrias deste tipo e que se garanta a actividade e emprego na factoría.  Esmo se para elo hai que botar man dun “resgate” por parte do sector público, unha posibilidade que, lembrou, contempla a lei.

Feixoo botou balóns fóra para deitar toda a responsabilidade no goberno central ao tempo que acusaba os nacionalistas de ser responsábeis de “mensaxes apocalípticas” no tema da enerxía.

Fernández Leiceaga (PSdeG) lembroulle ao presidente a alta taxa de temporalidade do emprego na Galiza, tamén no sector público, e como iso lastraba a economía galega para alén dos efectos na vida de miles de galegos e galegas. Unha denuncia que non gostou a Feixoo, que presumiu de loita contra a precariedade e de que Galiza estaba en mellor situación que o resto de territorios do Estado.

Na súa quenda de preguntas, Luis Villares (En Marea) reprochou ao presidente galego que fixese unhas rebaixas fiscais que benefician as persoas máis ricas. “Os seus favores fiscais [aos millonarios] son de 18 millóns de euros”, denunciou o portavoz de En Marea, que contrapuxo iso fronte “as 108.000 persoas que en Galiza viven en pobreza severa”.

O mandatario negou esa realidade, dixo que o seu goberno subiu o imposto de patrimonio e que este estaba ao nivel de, por exemplo, Castela - A Mancha “onde goberna PSOE e Podemos”. Mesmo se gabou de “facer unha política contra a pobreza que non fan os alcaldes das mareas” e de que a súa política fiscal favorece “clases medias e baixas”. E acusou a Villares de dar "mensaxes apocalípticas".



x