Fernández Galiño elixida nova Valedora con 51 votos a favor, 18 en branco e 2 nulos

Fernández Galiño elixida nova Valedora con 51 votos a favor, 18 en branco e 2 nulos
Parlamento da Galiza
Parlamento da Galiza  

A maxistrada tomará posesión oficial do cargo esta sexta feira. Substitúe a demisionaria Milagros Otero. Nesta sesión plenaria tomou posesión como deputado Gonzalo Caballero, que asume a presidencia do grupo parlamentar socialista.


O Parlamento galego deu luz verde esta cuarta feira á maxistrada Dolores Fernández Galiño, proposta polo Partido Popular como nova Valedora do Pobo, un cargo que asumirá oficilamente esta sexta feira, cando tome posesión do posto nun acto na cámara lexislativa. Galiño tivo 51 votos a favor, do PP e PSOE e ningún en contra; rexistrándose 18 en branco (En Marea, BNG e grupo Mixto) e 2 nulos. A votación foi en urna e secreta. Para saír eleita, precisaba o apoio de 3/5 das deputadas e deputados, 45 cadeiras.

A nova valedora substitúe no posto Milagros Otero, que presentou a súa dimisión catro meses despois de ser condenada polo Tribunal Supremo. O Supremo anulara o seu nomeamento da irmá do portavoz parlamentario do PP deixando en evidencia o carácter nepotista da súa conduta.

Na súa comparecencia perante a comisión de peticións do Parlamento, Fernández Galiño reiterou a súa “independencia” como maxistrada como aval da súa independencia no novo posto. Apelou ao feminismo como “sinal de identidade” da Valeduría do Pobo. Tamén comprometeu a súa implicación na defensa dos dereitos lingüísticos, destacando a súa condición de galegofalante.

En Marea, BNG e grupo Mixto criticaron que no procedemento de escolla PP e PSOE non optasen polo consenso e o diálogo entre todas as forzas. O grupo socialista propuxo como adxunta á Valedora a escritora e xornalista María Xosé Porteiro.

Nesta sesión plenaria tomou posesión como deputado o secretario xeral do PsdeG, Gonzlo Caballero, que pasa a asumir a presidencia do grupo parlamentar socialista.