PUGNA INTERNA NO PSDEG

Ferraz opta polo alcalde de Monforte para presidir a Deputación de Lugo

Ferraz opta polo alcalde de Monforte para presidir a Deputación de Lugo
José Tomé e Gonzalo Caballero en Monforte [Imaxe: @psdeg]
José Tomé e Gonzalo Caballero en Monforte [Imaxe: @psdeg]  

A comisión federal de listas do PSOE amosouse a favor do alcalde de Monforte, José Tomé, para exercer a presidencia da Deputación de Lugo. Finaliza así a pugna interna no PSdeG entre Tomé e Darío Campos, rexedor da Pontenova, quen aspiraba a revalidar no cargo á fronte da institución provincial.


O alcalde de Monforte será o aspirante do PSdeG a presidir a Deputación de Lugo. Así o aprobou Ferraz na comisión federal de listas do PSOE. Remata desta maneira a pugna interna no partido entre quen apoiaba o rexedor monfortino José Tomé e o sector partidario de Darío Campos, rexedor da Pontenova, quen aspiraba a revalidar un novo mandato na presidencia da deputación. Campos tampouco será deputado provincial.

Monforte ten a José Tomé na alcaldía desde 2015 e nas pasadas eleccións municipais do 26 de maio logrou case duplicar a representación

Monforte ten a José Tomé na alcaldía desde 2015 e nas pasadas eleccións municipais do 26 de maio logrou case duplicar a representación do PSdeG pasando de 6 a 11 edís, logrando así a maioría absoluta.

Após o resultado, Tomé afirmou que estaba “ao servizo do partido e de Gonzalo Caballero” para exercer a presidencia da deputación e Darío Campos amosou a súa intención de revalidar na presidencia da entidade provincial.

Esta pugna interna saldouse coa dimisión do secretario provincial do PSdeG en Lugo, Álvaro Santos, e da executiva provincial, partidarios de Darío Campos, abandonando ese cargo debido ás "diferenzas e mala sintonía" coa dirección do PSdeG de Gonzalo Caballero, deixando entrever que o secretario xeral do partido non foi neutral e potenciou a candidatura de Tomé en detrimento de Campos.

Esta pugna interna saldouse coa dimisión do secretario provincial do PSdeG en Lugo, Álvaro Santos

O alcalde de Monforte empeñouse en desvincular a súa candidatura dun plan de Gonzalo Caballero, asegurando que a súa vontade de presidir a deputación baseábase nunha proposta que nacía “de abaixo a arriba”. Contou ademais cos apoios de alcaldes de varias localidades, como se amosou no acto organizado na sede provincial do PSdeG en Lugo na que anunciou a súa vontade de presidir a deputación, e na que contou coa presenza dos rexedores de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández; o de Xermade, Roberto García Pernas; o de Pedrafita, José Luis Raposo; o de Castroverde, José María Arias; a e o deputado provincial en funcións Pablo Rivera e Pilar García Porto, así como a ex rexedora do Incio, Laura Celeiro.

Celeiro será a única destes apoios que non será deputada provincial, ao ocupar o seu posto Ana González Abelleira. Ademais, tamén serán deputadas provinciais as alcaldesas de Viveiro, María Loureiro, e a de Trabada, Mayra García.

Formoso, Silva e Villarino son as propostas para presidir as outras deputacións

A comisión de listas do PSOE, reunida en Madrid, referendou ademais Valentín González Formoso para presidir a Deputación da Coruña, Carmela Silva a de Pontevedra e Rafael Rodríguez Villarino a de Ourense. Este último será o único que non acade o cargo, debido ao pacto entre Democracia Ourensá e Partido Popular polo que Gonzalo Pérez Jácome foi investido alcalde nun goberno paritario entre ambas formacións, a cambio de que Xosé Baltar continuase na presidencia da deputación cos votos de DO.