BEATRIZ MATO, NÚMERO 1 DO PP Á ALCALDÍA DA CORUÑA

"Ferreiro non soubo, ou non quixo, entender que aos coruñeses nos gusta presumir de cidade"

"Ferreiro non soubo, ou non quixo, entender que aos coruñeses nos gusta presumir de cidade"
Beatriz Maro [Imaxe: PP A Coruña]
Beatriz Maro [Imaxe: PP A Coruña]  

"Catro anos perdidos". Así resume a candidata do PP á Alcaldía da Coruña, Beatriz Mato, o mandato da Marea Atlántica. A deputada e ex conselleira de Medio Ambiente sinala que a prioridade da súa candidatura será a limpeza da cidade. "Deseñamos un plan de choque para que A Coruña recupere canto antes o esplendor e a beleza da que sempre fixo gala", responde a Sermos Galiza a través do correo electrónico.


Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Se tivese que resumilo en tres palabras, catro anos perdidos. Nin a propia Marea Atlántica contaba con gobernar en María Pita. Pasáronselles os catro anos entre recuperarse do impacto inicial, entender como funciona un concello e tentar xestionalo. Os catro anos de Xulio Ferreiro son a proba de que ás administracións hai que vir aprendidos, non a aprender. De feito xa levamos meses escoitando as escusas da Marea polas que piden poder gobernar catro anos máis para levar a cabo o seu proxecto. A Coruña aínda está en condicións de recuperar o tempo perdido, pero outros catro anos de parálise serían catastróficos.

 

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Parto da base de que ninguén vén á política con mala vontade, tampouco Xulio Ferreiro. Non dubido de que a Marea Atlántica chegase coa intención de mellorar a vida dos coruñeses. Pero custa traballo atopar no seu haber algunha cousa que fixese ben. Instalouse no experimento, no método proba-erro. Chegou prometendo abrir as xanelas e levantar as alfombras, e a única alfombra que levantou foi a floral do Rosario. O balance é malo, sen paliativos: cero novas escolas infantís municipais, cero centros de día, cero centros cívicos, cero centros sociais municipais, cero aparcadoiros públicos, cero novos equipamento con outras administracións, cero novas cesións, cero parques, cero instalacións deportivas, cero centros de promoción económica… Por se non fose suficiente, anulou contratos adxudicados e asinados como o do Remanso, a Rosaleda ou o mercado de Monte Alto sen que fixese nada en catro anos para compensalo.

 

E o traballo realizado polo seu partido?

Desde o primeiro momento o Partido Popular propúxose exercer unha oposición seria e responsábel. Creo que Rosa Gallego e o seu equipo fixeron un labor bo e imprescindíbel, marcando moi de perto unha xestión que enseguida virou cara ao amiguismo. Por poñer só algún exemplo, foi o PP o que denunciou as irregularidades na cesión da antiga prisión, que empurraron a Ferreiro a romper os seus principios e presentar na súa lista a unha persoa cunha causa xudicial aberta. Foi o PP o que destapou as irregularidades da compra de pisos para usos sociais. Mercaron seis e cinco tiveron que ser anulados. Para estar sos na oposición, fronte a un goberno sustentado por un cheque en branco dos socialistas e o apoio do BNG, creo que podemos estar máis que satisfeitos.

Cal é a principal necesidade do seu concello?

Non teño nin a máis mínima dúbida: a limpeza. A Coruña está descoidada. Xulio Ferreiro non soubo, ou non quixo, entender que aos coruñeses gústanos presumir de cidade. Estamos orgullosos da Coruña e moléstanos -diría que nos doe- vela abandonada, sucia, chea de pintadas… E non é que sexa triste vela así, que o é. É que ademais Xulio Ferreiro chega ao final do seu mandato cos dous principais contratos de calquera cidade -limpeza e recollida de lixo- pendentes de resolución, con moitos millóns pagos en facturas irregulares e cos traballadores preocupados pola súa seguridade e a súa estabilidade laboral. Pasamos de recibir premios pola limpeza á cola das cidades de España segundo a OCU.

 

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará na nova lexislatura se está no goberno?

Pois o primeiro, limpar a cidade, por suposto. Deseñamos un plan de choque para que A Coruña recupere canto antes o esplendor e a beleza da que sempre fixo gala. Comprometinme a crear unha brigada de mantemento dos espazos públicos que traballará 24 horas ao día, sete días á semana, para ocuparse do básico: da papeleira deteriorada, do semáforo avariado, do farol fundido, do banco do parque roto, da baldosa solta… Resolveremos os concursos de limpeza e recollida de lixo e abordaremos o problema das pintadas cun proxecto integral que irá desde a recuperación do espazo a campañas de prevención.