A Fiscalía disponse a defender Baltar

A Fiscalía disponse a defender Baltar
[Imaxe Deputación de Ourense]
[Imaxe Deputación de Ourense]  

Recorrerá o auto xudicial que investiga o presidente da Deputación de Ourense no marco dunha denuncia de acoso sexual.


 

O Ministerio Fiscal anunciou que presentará recurso contra o auto asinado pola titular do xulgado de instrución número 3 de Ourense que cita a declarar o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e a muller que o denunciou por acoso sexual. 

A Fiscalía, da man de Florentino Delgado, sae na defensa de Baltar. Neste senso, cumpre lembrar hai dous meses o fiscal arquivou a denuncia presentada pola muller ao considerar que non existía indicio de delito nas gravacións e mensaxes telefónicas aportadas pola denunciante nas que non fica claro, dicía, que lle tivese ofrecido traballo en troca de manteren relacións sexuais.

Aliás, entendía que non se apreciaba indicio de se ter cometido un delito contra a liberdade sexual posto que a muller é “maior de idade” e “plenamente consciente” ao tempo que “non houbo uso da forza” nen “intimidación”. 

A Fiscalía arquivou a denuncia hai 2 meses argüíndo que a muller é "maior de idade" e "plenamente consciente" dos seus actos

Porén, no seu auto a xuíza de instrución vai alén e coida que existen indicios de se ter cometido un presunto delito de suborno, independentemente de que se tivese executado a promesa, e mesmo de tráfico de influencias ao se tratar do fillo do presidente da Deputación provincial, na altura Baltar pai. 

Malia a abertura do proceso xudicial que levará Baltar perante a xuíza de instrución o 10 de marzo, o presidente do PP de Ourense anunciou na xornada de onte (28 de xaneiro) que se presentará á revalidación do cargo no Congreso que terá lugar o 5 de marzo na cidade das Burgas. Baltar continúa sen dar explicacións públicas do acontecido. 
 

"O persoal é político"

A Marcha Mundial das Mulleres emitiu un comunicado de imprensa ao fío do auto xudicial que chama a declarar Baltar e a denunciante. Neste senso, aseguran que a abertura da investigación tira do ámbito "privado" o caso e denuncian que "os intentos por recluír esta cuestión" constitúen "unha manobra do PP para evitar dar explicacións". 

Destarte, a Marcha di observar "con preocupación" o carácter "limitado" da lexislación actual en materia de "acoso sexual" pois coa actul tificación no ordenamento xurídico español "non nos defende da realidade que vivimos as mulleres" senón que " protexe á parte dominante que ten e exerce o poder". Neste senso, salientan que a Lei galega  para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (11/2007) é máis avanzada ao recoller no seu artigo 3 "formas de violencia de xénero en relación ao acoso sexual na que nos vemos moito máis reflectidas que na súa definición no artigo 184  do Código Penal". 

O colectivo feminista lamenta o carácter "limitado" do delito de acoso sexual que recolle a lexislación española

Malia todo destacan o labor da xuíza polo "paso adiante" que supón a abertura do caso "no esclarecemento do sucedido". 

Para a Marcha Mundial das Mulleres o feito de o auto recoñecer "a existencia desa oferta de intercambio de favores sexuais e sitúandoa en termos de abuso de autoridade e tráfico de influencias" non é comprensíbel que "non se atenda á posición de poder que exerceu o acusado" cando se producen as relacións sexuais. 

"Quen abusa, e por tanto ten a responsabilidade de asumir as consecuencias dese abuso, é sempre quen ostenta o poder político, económico, social e/ou simbólico. A culpabilización de quen sufre ese abuso contribúe a reforzar o poder do agresor", subliñan desde o colectivo feminista. 

Aliás, amosan a súa preocupación polo feito de que a denunciante sexa investigada "ao mesmo nivel" que o denunciado debido, explican, á "mensaxe que dá a todas as mulleres que sufrindo violencia, replantexen as súas denuncias ante o medo e a incomprensión á que se poden ver sometidas". 

Así pois, exixen a demisión do presidente da Deputación de Ourense "José Manuel Baltar ten que abandonar a presidencia da deputación de Ourense e ser cesado por parte do Partido Popular galego de todas as súas responsabilidades non só porque todas puidemos escoitar as gravacións nas que se permitía decir que é quen de mudar un proceso de selección dunha institución senón porque non queremos representantes públicos que non den explicacións do seu comportamento político e manobren para obter os favores de outros poderes do estado, neste caso a xustiza", conclúen.