O PP NON COMPARECEU

Debate en Compostela: as formacións políticas expoñen as súas propostas para Galiza ante o 28A

Debate en Compostela: as formacións políticas expoñen as súas propostas para Galiza ante o 28A
Debate
Debate  

Membros das candidaturas que concorren ás vindeiras eleccións xerais expuxeron as principais medidas que defenderán para Galiza no debate que decorreu no Museo das Peregrinacións da capital galega, organizado pola Asociación Cultural O Galo.


As opcións políticas que concorren ás eleccións do 28A expuxeron en Compostela as iniciativas dos seus programas que unicamente afectan a Galiza. Baixo a convocatoria da Asociación Cultural O Galo, déronse cita no Museo das Peregrinacións representantes das formacións que teñen ou tiveron presenza nas Cortes Xerais, agás o Partido Popular, que non enviou a ningunha persoa representante. O debate foi moderado por María Obelleiro, directora de Sermos Galiza

O PSdeG apostou por un “continuísmo” de Sánchez e tren de cercanías

O membro da candidatura do PSdeG ao Senado, Enrique Vázquez, esgrimiu que nove meses son moi escasos para levar políticas de calado adiante, polo que se comprometeu a dar continuidade as políticas emprendidas por Sánchez durante estes meses de goberno.

Enrique Vázquez (PSOE) dixo que nove meses son moi escasos para levar políticas de calado adiante mais que o socialismo deu mostras do seu compromiso por facelo

A prioridade para o candidato do PSdeG é o desenvolvemento de accións de goberno e lexislativas para as clases menos favorecidas “que soportaron a crise, a pesar de que algún recorte si foi necesario realizar”, afirmou. O obxectivo do seu partido, recalcou, é recuperar dereitos e benestar.

Comprometeuse así mesmo coa aposta por dotar a Galiza dun ferrocarril de cercanías e mellorar a rede de estradas.

No campo dos servizos públicos, denunciou os recortes do PP na educación e sanidade, e asegurou que o PSOE incrementerá o número de escolas infantís, co compromiso de que na nova lexislatura o 50% das crianzas de 1 a 3 anos cheguen a estar matriculadas na rede pública.

En materia de investigación e desenvolvemento, a proposta do PSdeG é alcanzar o investimento medio de PIB que ten a Unión Europea, realizando un “importante inverstimento”.

Así mesmo, comprometeuse a derrogar moitos principios da reforma laboral e levar adiante un novo estatuto das traballadoras e traballadores.

Ciudadanos defende un cheque de formación contra o desemprego

Javier Alonso, candidato de Ciudadanos ao Congreso por Pontevedra, colocou como medida estrela pór fin aos aforamentos “para que as e os representantes políticos non se xulguen de maneira diferente ao resto da cidadanía”. En canto ao emprego, asegurou que durante os primeiros días de goberno proporán un cheque de formación para entregar de maneira directa ás persoas que se atopen en paro de longa duración. Con este cheque de formación, será a persoa beneficiaria quen decida como e en que aplicalo; en lugar de que o “xestionen os sindicatos”.

Javier Alonso (Ciudadanos) defendeu o contrato laboral único

O representante de Ciudadanos defendeu estabelecer o contrato indefinido e único para as asalariadas e asalariados, o que consideran que suporía “un longo percorrido para as persoas asalariadas e, ao mesmo tempo, a empresa saberá que ten a súa fidelidade e apostará por favorecer a súa promoción”.

Para Galiza, comprometeuse a que a banda ancha e o wifi cheguen a todos os fogares. En materia de infraestruturas anunciou que defenderán que o corredoiro atlántico de mercadorías conecte a nivel socioeconómico Galiza con Portugal e co resto de Europa.

En Común–Unidas Podemos impulsará unha lei “antideslocalizacións”.

O actual deputado Antón Gómez-Reino e número un por En Común-Unidas Podemos pola Coruña, argumentou que é preciso unha lei “antideslocalizacións”, para que empresas que teñan recibido cartos públicos non poidan marchar en dez anos, e se o fan, que teñan que devolver eses cartos. Para Gómez-Reino isto evitaría a situación que están a vivir o persoal traballador de empresas como Alcoa ou Poligal.

Gómez Reino (En Común-Unidas Podemos) comprometeuse a impulsar unha lei do solo que impida construír, sen ningún tipo de excepción, sobre un terreo queimado

En materia de incendios, comprometeuse a impulsar unha lei do solo que impida construír, sen ningún tipo de excepción, sobre un terreo queimado. Gómez-Reino anunciou que levarán ao Congreso a suba do salario mínimo interprofesional, e puxo en valor o aumento que desde o seu grupo “arrincaron” ao goberno de Sánchez.

Outros temas que Gómez-Reino enumerou de cara a continuar defendendo, a partir de agora “sendo goberno do estado”, foron as referidas á AP9, Ence, devolución do pazo de Meirás, comisión de investigación do Alvia, o problema da invasión da velutina...

En Marea reivindica recuperar autogoberno

Alba Nogueira, candidata ao Congreso por En Marea, insistiu en reverter as políticas que cortaron o autogoberno galego e que, ao mesmo tempo, conlevou que se reverteran as políticas sociais na Galiza.

Exemplificou esta situación aludindo ás normas estatais que ampliaron a ratio de alumnado no ensino público ou que puxeron trabas ás lexislacións autonómicas en vivenda.

Alba Nogueira (En Marea) insistiu en reverter as políticas que cortaron o autogoberno galego e que, ao mesmo tempo, conlevou que se reverteran as políticas sociais

Na defensa do autogoberno, Nogueira lamentou que o executivo galego teña que solicitar permiso a Madrid para xuntarse con colectividade no exterior ou para traer investimento de fóra a Galiza, e defendeu cambiar esta limitación, así como que no Congreso e Senado se poida falar na nosa lingua, que as comunidades teñan voz na UE sobre as cuestións que lles afectan, ou que Galiza sexa protagonista do corredoiro atlántico.

Nogueira insistiu na necesidade de potenciar a economía circular, unha fiscalidade verde e recuperar a mocidade que tivo que emigrar mediante a execución dun plan de retorno.

O BNG quere devolver a voz a Galiza.

Néstor Rego, cabeza de lista do BNG ao Congreso pola circunscrición da Coruña, defendeu que a prioridade do Bloque é resolver as cuestións que afectan a Galiza e lamentou que “ningún dos nosos problemas estivesen presentes polas forzas estatais no Congreso” ás que acusou “de esquecer os problemas de Galiza”.

Néstor Rego (BNG)  defendeu que a prioridade do Bloque é resolver as cuestións que afectan a Galiza e lamentou que “ningún dos nosos problemas estivesen presentes polas forzas estatais no Congreso

Nesa liña, Rego exemplificou a utilidade do BNG para defender os intereses de Galiza coa diferenza dos orzamentos do estado para Galiza entre 2009 e a actualidade. Sinalou o candidato nacionalista que os orzamentos negociados polo BNG co goberno central de Zapatero chegaran a 2.145 millóns de euros, mentres que nos últimos orzamentos só se postulaban 757 millóns.

Rego anunciou que o nacionalismo vai esixir todas as competencias para Galiza, e enfatizou que “ao BNG non lle vale o estado centralista e autoritario porque non dá saída a poder resolver os principais problemas socioeconómicos de Galiza” e considera que o estado español é irreformábel. “É preciso que Galiza teña máis poder” afirmou, e comprometeuse a pelexar para conseguir a posta en marcha de medidas urxentes como a derrogación da Lomce, da Lei Morzdaza e da contrarreforma laboral. En materia sociolaboral, Rego esixiu o incremento do SMI e tamén das pensións.

As preguntas do público que conseguiron unanimidade, foron as referidas a defender o agravio que están a padecer o colectivo de emigrantes retornados. Ademais, todas as formacións se comprometeron a defender todos os dereitos do colectivo LGTBI e, agás Ciudadanos, todas afirmaron estar contra os ventres de alugueiro.



x