As forzas políticas animan a votar nun "momento decisivo"

As forzas políticas animan a votar nun "momento decisivo"
Ana Pontón foi a primeira en exercer o voto
Ana Pontón foi a primeira en exercer o voto  

Os líderes das principais forzas políticas xa exerceron o seu dereito ao voto. A primeira en facelo foi a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que chamou a votar “nun momento excepcional en que é importante que a cidadanía se exprese para que Galiza teña voz propia e estea presente”.


A dirixente nacionalista Ana Pontón foi a primeira líder dos principais partidos políticos en acudir a votar. Fíxoo ás 9.30 horas na mesa electoral do CGAC, en Compostela, acompañada do número 1 ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, que deixou depositada a súa papeleta no CSC de Figueiras, tamén en Compostela, da candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín, e do coordinador da campaña do Bloque, Rubén Cela.

Tanto Pontón como Rego apelaron ao “momento excepcional” en que teñen lugar estas eleccións xerais e animaron a unha participación masiva “desde a ilusión e a confianza”, para “recuperar a voz propia e pensando na Galiza que queremos”.

“Animo a votar pensando en que Galiza queremos vivir, se queremos que este país teña voz propia, que futuro queremos deixar aos nosos fillos e fillas”, afirmou Pontón en declaracións aos medios. Acrecentou, “xogámonos moito como país, xogámonos ter voz, estar presentes, que tipo de relación queremos ter co Estado”.

Rego apelou ao voto “sabendo que cada papeleta pode contribuír a construír un futuro mellor para o noso país e que é preciso que Galiza se faga sentir e que teña voz propia”.

O BNG reunirá a súa Executiva Nacional na tarde do domingo na Nave de Vidán, en Compostela, onde fará seguimento dos resultados.

En Común-Unidas Podemos apela a unha "mobilización masiva"

unnamed (1)O secretario xeral de Podemos e cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos pola Coruña, Antón Gómez Reino, votaba ás 10 horas no Centro Cívico da Cidade Vella da Coruña, onde fixo un chamamento a unha “mobilización masiva” porque este domingo “está en xogo a democracia”.

“O proceso de maduración democrática da sociedade galega ten un longo percorrido, somos unha sociedade avanzada na defensa dos dereitos sociais”, expresou o número 1 da candidatura cando exerceu o voto. Gómez Reino coñecerá os resultados das urnas desde a sede da campaña de En Común-Unidas Podemos, nun local da praza da Quintana, en Compostela.

En Marea alude a un proceso electoral "decisivo"

unnamed (2)Pasadas as 10 horas tamén votaba o portavoz de En Marea, Luís Villares, na Casa das Linguas de Lugo, acompañado pola candidata Cristina Pérez Herraiz. "Queremos chamar a todo o mundo á participación. Porque en democracia é esencial expresarse e participar. Están en xogo as libertades públicas, a xustiza social, a defensa dos intereses de Galiza", expresou Villares

"Aínda que haxa persoas que pasen da política, a política non pasa de un. As bolsas dependen da política, ter traballo depende da política, a ampliación das liberdades depende da política. Polo tanto, reivindicamos o exercicio da democracia como un dereito e un deber cidadán", agregou o portavoz de En Marea, que pasará a noite electoral na sede, localizada no Ensanche compostelán.

O PSdeG chama a participar "na festa da democracia"

fotonoticia_20190428121612_1920O cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos pola Coruña advertiu do contexto en que decorren as eleccións xerais. Unha conxuntura, advertiu, onde “a democracia está en risco”.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero votaba ás 12 horas no Concello de Vigo, desde onde apelaba “ao sentido da responsabilidade” e onde apelaba á mobilización para “decidir o país que queremos”.

Afirmou que estamos diante dunha “xornada histórica” logo dunha campaña electoral “moi intensa” e advertiu de que “en cada elección decidimos como vai ser o país en que imos vivir”. Nesta liña, o líder do PSdeG referiuse a unha data “clave” para “o país e para a cidadanía, “unha festa da democracia na que hai que acertar no futuro que imos ter ao longo dos próximos catro anos”.

O PSdeG fará seguimento da xornada electoral na súa sede galega, na rúa O Pino de Compostela.

O PP e "a solución" aos "moitos problemas de España"

D5PJQVeXkAAcf7EAlberto Núñez Feixoo foi o último dos líderes políticos galegos en votar. Fíxoo pasado o mediodía no Colexio Neno Xesús de Praga de Vigo. O dirixente do PP afirmou que "quedan moitos problemas por resolver en España e hoxe debemos empezar a buscar a solución".

"Só cunha mensaxe clara nas urnas poderemos construír un Goberno que sexa útil para o conxunto dos españois", sinalaba Feixoo, cunhas declaracións en chave española. O presidente da Xunta fará seguimento da xornada na sede do PP en Compostela, aínda que realizará as comparecencias a medios de comunicación no Hotel Eurostars San Lázaro.