Jorquera chama a construír a unidade do nacionalismo 'paso a paso'


Jorquera chama a construír a unidade do nacionalismo 'paso a paso'
O voceiro parlamentar da organización frontista asegurou que o BNG  "ten que apostar pola unidade do nacionalismo" e a construción dunha "alternativa" ás políticas anti-sociais do PP.

Nunha entrevista concedida á radio pública de Galiza, o voceiro parlamentar do BNG asegurou que esa unidade "ten que construírse paso a paso" e sustentarse nunha concordancia "na análise dos problemas e nas propostas e alternativas" perante o que consideran unha situación "de emerxencia nacional" para Galiza.

Así mesmo, Francisco Jorquera, criticou na súa intervención as políticas implementadas dese a Xunta de Galiza e asegurou que é preciso construír unha "alternativa clara" aos recortes. Aliás, sinalou que no que vai de lexislatura, están a visibilizarse "coincidencias" na análise crítica dos problemas entre o BNG e "outras opcións nacionalistas". 

Xa o pasado sábado, durante a homenaxe a Castelao celebrada pola organización frontista en Rianxo como acto de inicio do curso político, Guillerme Vázquez fixera un chamamento a todas aquelas persoas que concorden "na defensa do principio irrenunciábel do nacionalismo" para construíren un "bloque social" na procura "dun cambio de rumbo radical para Galiza".