41 ANOS DA PUBLICACIÓN

Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos debaten arredor de "Problemática nacional e colonialismo"

Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos debaten arredor de "Problemática nacional e colonialismo"
Ramón López Suevos e Francisco Rodríguez durante a conversa
Ramón López Suevos e Francisco Rodríguez durante a conversa  

Guieiro, caderno de opinión e debate editado pola Unión da Mocidade Galega (UMG), volveu xuntar 41 anos despois Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos para reflexionar sobre Problemática nacional e colonialismo, unha obra chave na conformación do corpo doutrinal do nacionalismo popular.


Hai corenta un anos, estamos en abril de 1978, Edicións Xistral editaba Problemática nacional e colonialismo: o caso galego, volume redactado man a man por Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos. Os autores xa contribuíran en traballos anteriores, no ámbito económico e cultural, á explicación do problema galego, nunha liña analítica homologábel a que se desenvolvía noutras realidades coloniais e no que adiantaban unha análise de conxunto sobre os aspectos basilares da cuestión nacional e as derivadas asociadas á mesma no plano da acción política.

A obra é debedora do corpo ideolóxico do nacionalismo de preguerra, sintetizado por Daniel Castelao no Sempre en Galiza; da tradición marxista, particularmente daquela que forneceu razóns ás loitas de liberación nacional ao longo do século XX; e da práctica política e elaboración teórica do movemento patriótico galego reorganizado á volta dos anos sesenta.

A mentalidade social propia dun pobo colonizado

Sermos Galiza tivo acceso ao vídeo da conversa, en que Francisco Rodríguez non dubida en afirmar que “a mentalidade social da Galiza é propia dun pobo colonizado (…), isto está vencellado en última instancia a un factor de dependencia económica que nos segue considerando un pobo cuxos intereses están en función da externalización, creo que seguen sendo basicamente os factores que están indicados no libro”.

Rodríguez enmarca a publicación como “a resposta a unha inquietude, porque viamos que se estaba fechando a marxe rupturista no que nós vivimos durante moitos anos, e foi unha especie de afirmación do que eran, segundo o noso criterio, as bases mínimas nas que se tiña que asentar o nacionalismo”. O histórico dirixente nacionalista observa con optimismo o futuro e sinala que “se unha sociedade existe e ademais ten vontade de existir, iso e imparábel”.

A Galiza actual

Ramón López Suevos repara sobre a caracterización da Galiza actual afirmando que “xa nin caixas de aforros temos. Eu creo que aínda perdemos máis do que sae no libro. O problema enerxético creo que é peor que nunca. Estamos desde calquera punto de vista sometidos economicamente, e como política e culturalmente é unha obviedade, pois por iso ao que lle chamabamos colonialismo eu sigo chamándolle colonialismo”.

Suevos non escapa ao longo da conversa a aqueles aspectos vinculados á actualidade política máis inmediata, asociando a aparición de Podemos á perda de expectativas entre sectores das clases medias como consecuencia da crise. Na mesma dirección de Rodríguez considera que “hai cousas que facilitan o nacemento das novas nacións-Estado na Europa occidental aínda agora, a globalización fai que o comercio internacional sexa relativamente libre, iso para as nacións pequenas é moi bo, as nacións pequenas por definición teñen que estaren especializadas”.

Unha actualización teórica fundamental para o nacionalismo

A versión da conversa entre Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos recollida na revista Guieiro vén acompañada dun artigo do historiador e secretario xeral da UPG Néstor Rego, onde afirma que “a aparición de Problemática nacional e colonialismo: o caso galego, en 1978, sistematiza e permite difundir máis amplamente a análise da realidade galega como a dunha nación colonizada ao tempo que apunta liñas de acción para a loita popular pola soberanía nacional e o socialismo”.

Segundo o dirixente nacionalista, “o traballo de Francisco Rodríguez e Ramón López Suevos representa unha actualización teórica fundamental para o nacionalismo, nun momento en que ten de enfrontar xa a nova etapa política do post-franquismo que se abre coa chamada Transición democrática”.