Galicia en Común denuncia as precarias condicións das traballadoras do téxtil

Galicia en Común denuncia as precarias condicións das traballadoras do téxtil
David Bruzos [esquerda] e Yolanda Díaz, no encontro con traballadoras en Ourense. [Imaxe: GEC]
David Bruzos [esquerda] e Yolanda Díaz, no encontro con traballadoras en Ourense. [Imaxe: GEC]  
O candidato de Ourense, David Bruzos, e a candidata e voceira de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz, mantiveron esta segunda feira unha xuntanza con representantes das traballadoras do sector téxtil en Ourense, onde se atopaban con traballadoras de firmas como Adolfo Domínguez, Téxtil Lonia, Aspol ou Autoneum, entre outras.

"Non podemos esquecer que hai alternativas ao modelo social precario da miseria, que agora mesmo se está a impor, e iso intentamos traballar desde o noso grupo", explicou Yolanda Díaz, resaltando que o sector téxtil "non ten problemas económicos» e «pode e debe mellorar as condicións das traballadoras".

Ademais, Díaz, número un da lista por Pontevedra, lembrou que "estamos ante un sector moi afectado pola reforma laboral, e o PSOE non vai derogala. É moi grave para as traballadoras, porque lles afecta directamente na precarización do emprego e no desenvolvemento da xornada laboral".

Galicia en Común propuxo no Congreso unha Lei de traballo co-responsábel, que beneficiaría directamente a estas traballadoras para que o seu posto de traballo "se adapte á vida e non á inversa". Segundo incidiu a deputada, esta Proposición de Lei, que non chegou a debaterse pola breve lexislatura, aborda directamente a cuestión da conciliación.

Pola súa banda, David Bruzos dixo que "falar de téxtil no Estado é falar de Galiza, pero estamos diante dun colectivo feminizado con condición laborais moi precarias", e pediu que "o 10-N se mobilice todo o mundo, porque estamos diante dunha situación adversa e prevese un novo plan de axuste, a nosa proposta é clarísima: o axuste ten que darse por arriba, non poden ser as traballadoras as vítimas de novo".