Galicia en Común pide no Congreso unha nova comisión de investigación do accidente do Alvia

Galicia en Común pide no Congreso unha nova comisión de investigación do accidente do Alvia
[Imaxe: GEC] Gómez-Reino, Díaz e Sande, esta sexta feira en Compostela.
[Imaxe: GEC] Gómez-Reino, Díaz e Sande, esta sexta feira en Compostela.  
Os deputados no Congreso, Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, así como o senador José Manuel Sande, lembran que na pasada lexislatura non se remataron os traballos polo adianto electoral. "Volvemos rexistrar a creación desta comisión para que se conclúa a investigación e se depuren responsabilidades", indicaron.

A voceira de Galicia en Común no Congreso, Yolanda Díaz, destacou que as vítimas merecen xustiza "despois de seis anos do accidente nos que non se abordaron as responsabilidades do que aconteceu". E lembrou que a asociación de vítimas instou de xeito reiterado a Pedro Sánchez para que os reciba. "Ten que escoitalas e tomar unha decisión", incidiu a deputada. 

Con esta iniciativa, os deputados lembraron que "tratamos de forma humilde de poñer sobre a mesa as reivindicacións das vítimas: que haxa xustiza e reparación dun accidente que xerou moito sufrimento, e tamén agardamos que se depuren responsabilidades políticas", dixo Gómez-Reino.

Pola súa banda, Sande incidiu en que no Senado tamén se respaldarán as medidas que se podan tomar, non só no esclarecemento da verdade, senón "tamén na investigación das infraestruturas viarias vinculadas a Galiza, algo que é fundamental".