NO PARQUE DE BONAVAL

Galiza Nova apresenta a homenaxe da mocidade a Rosalía e Castelao

Galiza Nova apresenta a homenaxe da mocidade a Rosalía e Castelao
Rivas, Veciño, Quintela, Ríos e Rodil [Imaxe: cedida]
Rivas, Veciño, Quintela, Ríos e Rodil [Imaxe: cedida]  

Como cada véspera do Día da Patria Galega terá lugar no parque de Bonaval e máis no interior do Panteón de Galegos Ilustres a homenaxe a Rosalía de Castro e Daniel Castelao que Galiza Nova organiza. Ana Pontón, Claudia Quintela e Navia Rivas intervirán nun acto conducido polos youtubeiros Brais Doval e Miguel Silva. Tamén estará o grupo de rock en galego The Lelli Kellys.


cartel_homenaxe_fO 24 de xullo, na véspera do Día da Patria Galega, realizarase a anual homenaxe a Rosalía de Castro e Daniel Castelao que convoca Galiza Nova, organización xuvenil do BNG. Intervirán no acto a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, a responsábel de organización de Galiza Nova Claudia Quintela e máis Navia Rivas, responsábel de Internacional da organización xuvenil.

Ademais contará, ao igual que nos últimos anos, cunha actuación musical, desta volta a cargo do grupo de rock en galego The Lelli Kellys. O acto será conducido polos youtubeiros galegos Brais Doval e Miguel Silva (Aquel-e). 

Esta quinta feira 18 de xullo Galiza Nova apresentou publicamente a programación deste acto de homenaxe que leva máis de dúas décadas de celebración.

Trátase “dun acto festivo e político de defensa dos dereitos nacionais e sociais das galegas e galegos, especialmente da mocidade”, sinalou Rodil

Olalla Rodil, membro da dirección nacional de Galiza Nova e parlamentaria do BNG no declarou que esta homenaxe “é un día de lembranza a dúas persoas irrepetíbeis sen cuxo pensamento, obra e acción non podería entenderse nin  o nacionalismo galego nin a Galiza mesma”, e engadiu que tamén se trata “dun acto festivo e político de defensa dos dereitos nacionais e sociais das galegas e galegos, especialmente da mocidade”.

A deputada nacionalista salientou tamén a situación de precariedade e o empeoramento das condicións de vida da mocidade galega após esta década de goberno do Partido Popular na Xunta, “unha mocidade que merece un país con futuro, con oportunidades para desenvolver o seu proxecto de vida e condicións de traballo dignas. O mesmo polo que loitaron Castelao e Rosalía”, afirmou Rodil.

Rivas puxo en valor os 26 anos que levan realizando esta homenaxe así como o novo formato co que contará esta edición

Pola súa banda, Navia Rivas, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e concelleira do BNG en Santiago de Compostela, puxo en valor os 26 anos que levan realizando esta homenaxe, así como o novo formato co que contará esta edición, que tenta poñer en valor “as potencialidades da mocidade galega á hora de utilizar novos métodos de comunicación e acción cos que chegar ao conxunto da xuventude”, dixo Rivas en referencia aos youtubeiros Brais Doval e Miguel Silva (Aquel-e) que conducirán o acto. “Dúas persoas que a través das súas canles en Youtube están a amosar a potencia creativa da mocidade galega mais tamén un discurso que, con retranca, reflexiona sobre a realidade do noso país e das mozas e mozos da Galiza”, sinalou Rivas.

A homenaxe iniciará o 24 de xullo ás 17:30h no Parque de Bonaval e após as intervencións políticas e a actuación musical realizarase unha ofrenda floral a Rosalía e Castelao no Panteón dos Galegos Ilustres.

Por terceiro ano, ao remate da homenaxe realizarase unha Ruada pola Independencia ás 19:00h, onde a mocidade de Galiza Nova reivindicará a independencia da Galiza.