HOMENAXE A ROSALÍA E CASTELAO

Galiza Nova chama a mocidade a implicarse na construción dunha Galiza con futuro

Galiza Nova chama a mocidade a implicarse na construción dunha Galiza con futuro
Homenaxe de Galiza Nova a Rosalía e Castelao 2019
Homenaxe de Galiza Nova a Rosalía e Castelao 2019  
Centos de mozas e mozos acudiron aos actos que Galiza Nova organizou este 24 de xullo en Compostela. Na anual homenaxe a Rosalía e Castelao e na posterior ruada da mocidade pola Independencia a organización xuvenil nacionalista animou a xuventude a implicarse politicamente para deixar atrás a precariedade e a dependencia e erguer unha Galiza con futuro.

Como cada ano na véspera do Día da Patria Galega a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, desenvolveu o acto de homenaxe a Rosalía de Castro e Daniel Castelao. O evento arrincou pasadas as 17.30 horas desta cuarta feira 24 de xullo no parque de Bonaval coas intervencións políticas da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, da responsábel de organización de Galiza Nova, Claudia Quintela, e máis de Navia Rivas, responsábel de Internacional da organización xuvenil e concelleira en Compostela.

O acto contou tamén coa actuación do grupo de rock en galego The Lelli Kellys e foi conducido polos youtubeiros galegos Brais Doval e Miguel Silva (Aquel-e). Após o concerto, as e os centos de participantes entraron no Pantón de Galegos Ilustres para realizar a ofrenda floral a Rosalía e Castelao. Ao remate e, previo ao arranque do Festigal no campus sur de Compostela, evento tamén organizado por Galiza Nova, as mocidades do BNG realizaron a III Ruada pola Independencia que percorreu as rúas de Compostela con proclamas en favor dunha Galiza ceibe e popular con emprego digno e liberdade para a mocidade.

Ana Pontón HomenaxeAna Pontón chamou á rebeldía da xente moza porque “son tempos dun nacionalismo optimista, que mira con confianza ao futuro porque imos na boa dirección”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na súa intervención ante os centos de mozas e mozos congregados en Bonaval pediu “que a xuventude non tire a toalla” e que se implique no seu futuro da man dun proxecto como o que representa o BNG, “a única forza política que pode ofrecer aos mozos e mozas un futuro cargado de esperanza”.

Ana Pontón pediu “que a xuventude non tire a toalla” e que se implique no seu futuro da man dun proxecto como o que representa o BNG

“Un futuro onde a mocidade non teña medo, nin incertezas, no que poder deixar atrás a precariedade e a emigración, onde as mozas teñan igualdade real e sen violencia machista, un futuro onde coidemos o noso territorio e enfrontemos o cambio climático”, afondou Pontón, “e para cambiar o declive de Galiza necesítase determinación, valentía e proxecto de país. E iso só o ten o BNG”.

Após lembrar o seu paso por Galiza Nova, a líder do Bloque animou á xuventude nacionalista “a traballar con pedagoxía, con humildade e con vocación maioritaria”

Após lembrar o seu paso por Galiza Nova, a líder do Bloque animou á xuventude nacionalista “a traballar con pedagoxía, con humildade e con vocación maioritaria” para sumar os mozos e mozas que partillan as ganas de construír unha Galiza con futuro: “son milleiros, nas aulas, nos centros de traballo, nos colectivos sociais, deportivos, veciñais, nas redes, e temos o reto de chegar até esa mocidade que partilla o amor por Galiza e as ansias de mudar o que non nos gusta”.

Pontón criticou a “indiferenza e a discriminación das forzas estatais a Galiza, incapaces de defender os intereses dos e das galegas” e apresentou o BNG como unha organización “libre e soberana que non ten que pedir permiso a Madrid para construír un país xusto e con oportunidades”.

Pontón criticou a “indiferenza e a discriminación das forzas estatais a Galiza"

“O futuro de Galiza témolo que construír nós e desde nós, e no Bloque temos un proxecto moderno, aberto, plural, innovador, creativo, sustentábel, feminista, atrevido e coas ideas claras. Iso é o BNG e iso vai ser Galiza”, concluíu, facendo un chamamento “á rebeldía” da xente moza porque “son tempos dun nacionalismo optimista, que mira con confianza ao futuro porque imos na boa dirección”.

Desde Galiza Nova, Claudia Quintela puxo á mocidade nacionalista como exemplo de “xente nova comprometida, coas ideas claras na defensa dos intereses do pobo galego e contra as políticas antigalegas e antisociais que nos impoñen desde Madrid e desde Bruxelas e que nos conducen ao paro, á dependencia, á miseria e á emigración”.

Quintela salientou entre as loitas que protagoniza Galiza Nova a defensa dun traballo digno sen ter que emigrar, a defensa da cultura e da lingua propias, dos dereitos das mulleres e das persoas LGTBI.

En nome de Galiza Nova, Quintela salientou a vixencia do discurso e das propostas que no seu día formularon Rosalía e Castelao, “dous imprescindíbeis”

“Contra a precarización laboral, contra a privatización dun ensino orientado só para as elites, contra a corrupción, contra a monarquía española e a favor da república galega, con Galiza como marco de referencia para conseguir a soberanía e a xustiza social para o pobo galego”, subliñou.

En nome de Galiza Nova, salientou a vixencia do discurso e das propostas que no seu día formularon Rosalía e Castelao, “dous imprescindíbeis”, afirmou.

Navia Rivas“Este acto non é simplemente unha lembranza a dúas figuras históricas importantes para este país”, afirmou Navia Rivas, e engadiu que.”Rosalía e Castelao son exemplo, son semente viva, son vidas e obras con plena vixencia, son presente e son futuro”. Por iso que a concelleira compostelá afirmou que “a homenaxe só ten sentido na medida en que levemos o seu exemplo á práctica no traballo continuo e no activismo político”.   

“Xa o di a canción”, lembrou Rivas: “se non temos medo eles non teñen poder”.

Nese sentido sinalou que cando “nos silencian e manipulan as figuras de Rosalía e Castelao, nós reivindicámolas máis. Somos unha nación, unha nación á altura de calquera outra, nin máis nin menos, con dereito a ser libre. Libre de explotación e libre para decidir o seu futuro”.

Rivas reiterou no acto de Bonaval o compromiso de Galiza Nova coa clase traballadora

Rivas reiterou no acto de Bonaval o compromiso de Galiza Nova coa clase traballadora. “Levámolo gravado a ferro: unha Patria libre e soberana, capaz de decidir o seu futuro e prosperar. Unha Patria de todas. Celebremos esa Patria, pero tamén... loitemos por ela, reivindiquémola, construámola”, concluiu.

III Ruada pola Independencia

Após depositaren flores en lembranza de Rosalía e Castelao, a comitiva xuvenil partiu cara a Praza de Mazarelos na Ruada pola Independencia que Galiza Nova leva tres anos consecutivos organizando. Encabezada por dúas faixas, unha delas coas siluetas de Rosalía e Castelao, Paulo Ríos realizou a intervención política clausurando o acto. O concelleiro do goberno en Moaña polo BNG e membro da permanente de Galiza Nova afirmou chamou a mocidade a colaborar na construción dun futuro de liberdade e dereitos na Galiza e convidou as mozas e mozos a reivindicar e celebrar o Día da Patria Galega.