Galiza Nova impulsa máis de 60 actividades por todo o país na ‘II Semana da Patria’

Galiza Nova impulsa máis de 60 actividades por todo o país na ‘II Semana da Patria’

O 24 de xullo realizará en Bonaval a súa tradicional homenaxe a Castelao e Rosalía na que estarán presentes exsecretarios xerais da organización xuvenil.


Palestras, murais, despregamentos de bandeiras, concertos, mosaicos pola autodeterminación… Do 16 ao 22 de xullo Galiza Nova impulsa máis de 60 actividades por todo o país, de Vigo a Viveiro, de Allariz a Carballo. Un programa para quentar motores de cara ao 25 de Xullo, Día da patria Galega.

Na véspera desa data, 24 de xullo, terá lugar a Homenaxe a Rosalía e Castelao, que Galiza Nova realiza desde hai máis de 20 anos.  O Secretario Xeral, Alberte Fernández declarou que “Rosalía e Castelao sempre foron referentes tanto na acción como na teoría da nosa organización”.

Este ano a Homenaxe enmárcase como acto central do 30 aniversario da organización xuvenil, e contará coa participación de Xosé Emilio Vicente (ex-Secretario Xeral 2004-2007), Iria Aboi (ex-Secretaria Xeral 2007-2012) e Alberte Mera (ex-Secretario Xeral 2012-2016). Ademais, contará co intervención de Alberte Fernández e de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG e ex-responsábel de organización de Galiza Nova (2000-2003).

A Homenaxe terá lugar o 24 de xullo ás 17:00h no Parque de Bonaval e contará coas intervencións musicais de Nao e SonDaRúa. Ao remate da homenaxe realizarase unha Ruada pola Independencia ás 19:30h.



x