III SEMANA DA PATRIA

Galiza Nova apresenta máis de 40 actividades para difundir o Día da Patria Galega

Galiza Nova apresenta máis de 40 actividades para difundir o Día da Patria Galega
Agrelo, Ríos, Quintela e Lobeira na presentación da III Semana da Patria
Agrelo, Ríos, Quintela e Lobeira na presentación da III Semana da Patria  

Con motivo do Día da Patria Galega a organización xuvenil Galiza Nova organiza máis de 40 actividades ao longo do país co obxectivo de reivindicar soberanía, así como dereitos e futuro para a mocidade e fortalecer a conciencia nacional entre as máis novas e novos. Con estes actos queren popularizar o Día da Patria Galega e os actos que Galiza Nova e BNG teñen preparados para o 24 e 25 de xullo na capital galega.


A Semana da Patria Galega fai tres anos. Esta iniciativa de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, inclúe máis de 40 actos a realizar ao longo de toda a nación co obxectivo de reivindicar a soberanía, así como os dereitos e o futuro para a mocidade galega na terra, fortalecer a conciencia nacional entre a xuventude e popularizar o Día da Patria, o Festigal e a mobilización convocada o 25 de xullo polo BNG que sairá ás 12 horas na alameda de Compostela.

“Teremos actos de todo tipo: palestras, debates, actos formativos, realización de mosaicos, concertos…”, afirma Claudia Quintela

Na apresentación da Semana da Patria participou a responsábel de organización de Galiza Nova, Claudia Quintela, e o secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira. A primeira deu conta dos actos comprendidos nesta programación.

“Teremos actos de todo tipo: palestras, debates, actos formativos, realización de mosaicos, concertos…”, afirmou Claudia Quintela, quen engadiu que estas actividades terán lugar na semana previa ao 25 de xullo. “Queremos que esta semana sirva para sumar máis mocidade na loita pola nosa plena soberanía nacional, da capacidade de decisión que nos permita construír unha nova Galiza na que a mocidade non sexa expulsada á emigración por mor do desemprego e a precariedade”, sinalou Quintela.

A programación arrincará a sexta feira 12 de xullo na cidade de Vigo co despregamento dunha bandeira da Patria de enormes dimensións na Praza do Rei, reivindicando precisamente que a Galiza non ten monarca español. En Betanzos instalarase un posto divulgativo e un punto lilá na Festa Medieval deste concello.

“Queremos que esta semana sirva para sumar máis mocidade na loita pola nosa plena soberanía nacional, da capacidade de decisión que nos permita construír unha nova Galiza na que a mocidade non sexa expulsada á emigración”, sinalou Quintela

A segunda feira 15 de xullo realizarase o coloquio Ocio alternativo para a mocidade galega coa participación de Rosa Maseda, da Asociación Cultural Submarino, ás 19 horas no bar O Jaiteiro de Betanzos. Vigo acollerá o roteiro literario polo Casco Vello coa poeta Marta Dacosta e en Pontevedra realizarase un mural colectivo.

O 16 de xullo a cidade olívica tamén será espazo de repartos e carpas con música e eventos, e posteriormente realizarase tamén en Vigo o coloquio: Galiza, país organizado. Na Coruña situarase un posto informativo no paseo marítimo da praia de Riazor, con venda e música do Festigal, o evento lúdico, festivo e reivindicativo que Galiza Nova organiza o 24 e 25 de xullo en Compostela. Precisamente, na capital galega ese mesmo día terá lugar a palestra Revisión da literatura de Rosalía de Castro con perspectiva queer e feminista da man de Francisco Rodríguez.

O 17 de xullo haberá carpas en Vigo, despregue da bandeira xigante da Patria en Lugo e proxección do filme A Esmorga en Arzúa.

A quinta feira 18 Vigo acollerá a mesa redonda A soberanía como necesidade social, o Morrazo o coloquio Creación musical en galego, Chantada acollerá a mesa redonda Produción cultural en galego con David Pinacho e o músico Xabi Castro, en Compostela terá lugar un obradoiro de introdución ao reintegracionismo con Eduardo Maragoto na Librería Couceiro e en Allariz: despregarase o bandeirón da Patria.

A sexta feira 19 de xullo o concello de Miño acollerá o concerto do grupo local Chokotripis no Parque da Rúa. Tamén haberá concertos no Auriense de Ourense, unha visita á Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei, o despregamento da bandeira xigante en Compostela e o monólogo de Adri Alvarellos Xa estou de volta no bar Ferry de Vigo.

O sábado 20 a comarca do Morrazo acollerá o coloquio sobre ocio alternativo e a importancia do traballo colectivo e a de Lugo Sur concertos. Na Coruña e en Ferrolterra despregarase a bandeira xigante e en Gondomar celebrarase un serán pola Patria con festa.

O domingo 21 Galiza Nova despregará a xigante bandeira da Patria no Condado e ás 11 horas realizará unha andaina coa Comunidade de Montes de Tameiga, en Mos e máis o coloquio Un país, un territorio.

A segunda feira 22 o concello de Poio acollerá un acto sobre a problemática que representa Ence na ría de Pontevedra, Ourense realizará difusións e confeccionará “unha Rosalía xigante”, segundo avanzou Quintela. Haberá tamén unha xornada formativa baixo o título Mulleres na formación do Partido Galeguista. Na Coruña será a tradicional Homenaxe a Curros Henríquez, en Lugo farase unha saída en bicicleta por unha mobilidade sostíbel e a programación porá o broche cun concerto en Fene.