‘Galiza, un novo impulso’: a campaña do BNG polo 25 de xullo apela a sumar por un país “próspero, inclusivo e con dereitos”

‘Galiza, un novo impulso’: a campaña do BNG polo 25 de xullo apela a sumar por un país “próspero, inclusivo e con dereitos”

O Bloque chama á “pluralidade de formas de sentir un país” para “celebrar a nación galega” e “abrir un novo ciclo político”.


O BNG presentou a súa campaña polo 25 de Xullo, unha campaña que baixo o lema ‘Galiza, un novo impulso’ comprenderá un cento de actos por todo o país para conmemorar o Día da patria Galega, “o maior acto social de celebración da nación galega”, en palabras de Xavier Campos, secretario de Comunicación da formación nacionalista. Campos foi o encargado de presentar a campaña, graficamente sintetizada nun mapa de Galiza debuxado a base de pegadas dactilares de distintos tamaños e cores, “para simbolizar que este é un país plural, diverso, con persoas que temos diferentes formas de pensar, de sentir e de vivir o noso país”.

Esa pluralidade, defendeu, asúmea o BNG, que propón “un novo proxecto de avance colectivo para impulsar a Galiza aberta, próspera, inclusiva e con dereitos, coa aspiración de decidir plenamente sobre todo o que nos afecta”.

Este 25 de Xullo, subliñou, ten a particularidade de celebrarse após dúas citas coas urnas e encarando ás eleccións galegas. “Somos unha forza que medra e sabemos que hoxe hai unha maioría de galegos e galegas que queren abrir un novo ciclo político, que queren ver a Feixóo e a o PP na oposición. A esa maioría social queremos dirixirnos con esta campaña cunha idea clara: sumar co BNG para darlle un impulso a Galiza e avanzar no país próspero, soberano e con futuro que queremos”. Ademais, o Bloque quere aproveitar a celebración do Día da Patria para desenvolver en paralelo unha campaña de afiliación co obxectivo de incrementar en 500 o número de militantes.

Himno a ritmo de hip-hop

Este ano, e como xa fixera en 2017 e 2018, entre o material divulgativo da celebración do Día da Patria o BNG inclúe un tema musical a modo de himno reivindicativo, que nesta ocasión corre a cargo do grupo de hip-hop Son da Rúa, que será lanzado en formato vídeo nas redes sociais nos próximos días e que se utilizará como banda sonora nos actos de celebración previos a manifestación nacional en Compostela.