AS ELECCIÓNS A OLLOS DE… LEDICIA COSTAS

“Galiza ten que medrar e estar orgullosa de existir”

“Galiza ten que medrar e estar orgullosa de existir”
Ledicia Costas [Imaxe: M.O.]
Ledicia Costas [Imaxe: M.O.]  

A escritora Ledicia Costas considera necesario que Galiza conte cunha voz propia “e pelexar polo noso”, para deixarmos de ser tratados como periferia e medrar así como unha nación orgullosa de existir e con orgullo tamén da súa lingua e cultura. 


Nestas eleccións xerais “Galiza xógase o mesmo que se xoga sempre, é dicir, que se nos teña en conta como nación, con cultura e lingua propias”, reflexiona Ledicia Costas arredor da cita electoral do 28A. Considera que se dá no noso pobo un "fenómeno histórico sociolóxico moi peculiar” en referencia a “que non temos orgullo de noso” e pregúntase se estamos a revivir “uns novos séculos escuros”.

A escritora lamenta que nesta lexislatura se seguiu tratando a Galiza como a periferia, “até o extremo de que non se nos ten en consideración”. Sobre a campaña electoral, Costas amósase preocupada ante a irrupción de Vox e cualifica de “perigoso” que outros partidos queiran pactar e gobernar coa ultradereita. 

Ledicia confesa que se alegrou “ao ver xente da cultura e das letras que se posicionan politicamente de maneira pública” e pon como exemplo o escritor Suso de Toro, candidato nas listas do BNG ao Congreso. “Son figuras que están dispostas a loitar por nós”, engade. Recentemente, un grupo de persoas relacionadas coa cultura galega, entre elas De Toro, presentaron un manifesto de apoio ao BNG

Costas anima o pobo galego “a facer unha reflexión conxunta desde a base máis base, “que é a transmisión da nosa lingua”, para evitar a perda da nosa identidade. Por iso, considera, é fundamental “ter voz propia en Madrid”. 

Rexeita termos que ser unha cultura de resistencia, “a nosa nación ten que medrar e estar orgullosa de existir, como fan en Catalunya”, pero para iso, recalca que “é necesario pelexar polo noso, tamén en Madrid” .