AS ELECCIÓN A OLLOS DE… MARÍA XOSÉ PORTEIRO

“Galiza xógase moito nestas eleccións”

“Galiza xógase moito nestas eleccións”

María Xosé Porteiro é xornalista e exdelegada da Xunta en Arxentina. Advirte dos riscos dun goberno de coalición entre a “dereita radicalizada” após o 28 de abril.


A clave desta campaña electoral está, para María Xosé Porteiro, en que “por primeira vez, desde hai tres décadas, a dereita preséntase fragmentada pola aparición de Vox como opción ideolóxica extrema e Ciudadanos abandona o centro competindo, abertamente, coa dereita convencional”.

 A xornalista considera que esta división na dereita pode prexudicala pola Lei D’Hont mais tamén advirte que é real a posibilidade que PP, Ciudadanos e Vox sumen para “unha coalición post electoral”, ou ben seguir o modelo de Andalucía “de facilitar un goberno presidido polo Partido Popular pero radicalizado pola extrema dereita.

No que respecta a Galiza, Porteiro considera que “se xoga moito nas eleccións xerais”. Pon riba da mesa “o financiamento autonómico, como cuestión principal, e a dotación económica para competencias delegadas como a atención á Lei de Dependencia, ou contra a Violencia de Xénero, poden diminuír exponencialmente se hai un goberno constituído pola dereita radicalizada”.

Unha dereita que “se aglutina arredor do PP, Vox e Ciudadanos que cuestiona, ou mesmo, dinamita, o Estado das Autonomías”. Galiza, conclúe, “xógase, mesmo, a garantía de seguir avanzando na súa propia autonomía en materias de identidade, lingua ou apoio á galeguidade no exterior".