AS ELECCIÓNS A OLLOS DE... TATI MOYANO

"Galiza precisa mudar escanos pasivos por unha representación que mire por nós”

"Galiza precisa mudar escanos pasivos por unha representación que mire por nós”
Beatriz Moyano de Beça
Beatriz Moyano de Beça  

Diante do 28A, a presentadora e xornalista Tati Moyano considera que “Galiza xógase mudar escanos pasivos, afeitos a render contas ante intereses que non teñen Galiza como eixo das súas estratexias”, por unha representación “que mire por nós e polo desenvolvemento transversal do país”.


“Tras 42 anos das primeiras eleccións libres celebradas tras a ditadura de Franco”, a xornalista Tati Moyano considera que “cómpren voces que sexan quen de traballar en políticas que acaben coas inercias negativas nas que levamos instalados moitos anos”. "42 anos despois", insiste, "Galiza xógase, nada máis e nada menos, que miren por nós".

A xornalista sinala aspectos que cómpren mudar, como as políticas forestais, os modelos de distribución poboacional, así como defender un “novo xeito de relacionarse coas empresas produtoras de enerxía que atoparon aquí a panacea a cambio de practicamente nada”. Sobre elas, indica que urxe un cambio de modelo que as comprometa a que eses rendementos estean destinados “a mellorar as nosas tarifas, que tributen en beneficio da nosa sociedade e en función do rendemento conseguido”.

As empresas produtoras de enerxía atoparon aquí a panacea a cambio de practicamente nada

Chama a atención sobre o AVE e o traspaso da AP9 para que “deixen de ser cuestións dun horizonte afastado para, dunha vez por todas, executárense”. Continúa sinalando prioridades para o 28A como a sanidade e o ensino.

“Como xornalista e cidadá, boto en falta máis espazos de encontro entre candidatas e candidatos de partidos”, afirma Moyano, para quen os debates son espazos onde escoitar as propostas que decidirán o futuro do país. “E como xornalista que defende uns medios tanto públicos e privados plurais e independentes, boto en falta máis accesibilidade e equidade para coñecer os proxectos que decidirán o noso futuro”.

A crítica e a análise son necesarias para construírmos unha sociedade mellor formada e mellor compartida

Conclúe afirmando que o dereito á información é unha ferramenta valiosísima para o exercicio doutro dereito: “o de elixir libremente e desde a imparcialidade os nosos representantes”.

“Nesta campaña, cun escenario cando menos diferente protagonizado pola irrupción de novas forzas políticas, deberíamos ser máis críticos que nunca. Esixamos máis discursos creados desde a sensatez, poñendo o foco tamén no que nos acontece día a día, sen discriminar asuntos que, en ningún caso son menores: políticas sociais, emprego, cultura …”, expón a xornalista.

Moyano salienta ademais que a crítica e a análise son necesarias “para construírmos unha sociedade mellor formada e mellor compartida”. Conclúe advertindo que, “aínda hai tempo". De aí que chame a facer "crítica e análise, para unha campaña que vai a toda velocidade”.