Gallardón: "O aborto non é un dereito"


Gallardón: "O aborto non é un dereito"

O ministro de Xustiza español concede senllas entrevistas aos diarios conservadores ABC e La Razón nas que defende o anteproxecto de lei para a re-penalización do aborto como unha medida "xusta, humanista" e "progresista". 

Desde a presentación pública do anteproxecto de Lei para a protección do concibido e da muller grávida, o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, non compareceu perante os medios de comunicación para valorar a proposta. O rebumbio xerado polo contido do real-decreto e a oposición xeralizada --non só do movemento feminista-- senón dunha parte importante da sociedade, fixo saír ao paso das críticas ao responsábel da reforma. E por partida dobre. 

"Esta lei sitúanos no espazo de vangarda do século XXI"

Así, en senllas entrevistas concedidas aos diarios españois conservadores, ABC e La Razón, Alberto Ruíz Gallardón non só defende o anteproxecto de lei de reforma senón que tilda o texto de "xusta, humanista" e "progresista" que sitúa, dixo, o Estado español e o goberno de Mariano Rajoy "no espazo de vangarda do século XXI". Aliás, bate contra "a esquerda" --en clara alusión ao PSOE, mais tamén referíndose a outras formacións políticas-- e acúsaa de alimentar "o mito" da súa "presunta superioridade moral". Para o ministro de Xustiza, a aprobación desta nova lei constitúe "un avanzo" e amósase certo de que terá percorrido noutros países de Europa. 

Suprimir o suposto de malformación por "requirimento formal da ONU"
Algunhas das respostas e argumentos deitados por Ruíz Gallardón nas entrevistas publicadas por ABC e La Razón son, cando menos, sorprendentes. Neste senso, un dos puntos máis controvertidos da nova lei é a supresión do suposto de malformación do feto, un suposto recollido na lexislación de 1985. Segundo o ministro de Xustiza a súa eliminación responde "entre outras cousas" a "un requirimento formal da ONU" para que o Estado español, di, "derrogara o artigo que se refire á discapacidade na Lei Aído" [2010]. Segundo Gallardón as Nacións Unidas verían "contrario" este feito "non só ao convenio" da organización internacional [non especifica cal] "senón a calquera principio elemental de defensa da dignidade da persoa", sinala, por "estabelecer niveis de protección en función da capacidade ou discapacidade" destas. 

"O aborto non é un dereito senón un drama, unha traxedia persoal"

Isto é, Ruíz Gallardón ve un principio discriminatorio na posibilidade de interromper de maneira voluntaria o embarazo de se tratar dun feto con malformacións. Asemade, continúa varias preguntas máis abaixo na mesma entrevista, de ser a súa compañeira quen ficar grávida cun feto con "graves malformacións" o ministro asegura que "sen dubidalo" continuaría adiante coa xestación. Mais, como "opción" e "convición persoal", afirma. Ora ben, de se aprobar o anteproxecto de lei presentado, as mulleres non poderán interromper o embarazo, non como opción, senón por imperativo legal pois para o responsábel de Xustiza "o aborto non é un dereito" senón "un drama, unha traxedia persoal". 

Unha decisión tutelada por dous espcialistas e un xuíz
Neste senso, calquera interrupción do embarazo deberá estar tutelada non unha senón até en dúas ocasións "por dous médicos distintos" que, aliás, "non só non poderán traballar na clínica onde se practique o aborto" senón que "non poderán ter ningún tipo de relación laboral, de dependencia, coa estrutura administrativa que xestiona a clínica". Unha medida que para o executivo español supón "unha garantía" de que a futura lei se aplique de acordo cos "principios que a informan". 

"Privar a menores da compañía dos seus pais cando teñen que abortar é ir en contra da necesaria protección dos dereitos do menor"

Tamén así, @s profesionais que tutelen a interrupción do embarazo deberán asinar "un só informe". É dicir, "deberán coincidir os dous na acreditación" de "perigo para a saúde física ou psíquica da muller". Porén, explica o ministro, "non se estabeleceu ningún tipo de discriminación entre os profesionais da sanidade pública e da privada" por, acrecenta, "un principio de equiparación de condicións". Neste senso, ábrese de novo a fenda entre quen puider pagar o apoio do informe e quen se ver abocada a acudir a un especialista na sanidade pública. 

Mais, que acontece se se tratar dunha menor de idade sen consentimento familiar? Este era un dos puntos máis conflitivos da coñecida como Lei Aído ou IVE aprobada en 2010. Naquela altura unha persoa de 16 anos podía interromper voluntariamente o seu embarazo sen consentimento da nai, pai ou [email protected] legais sempre que for acompañada dunha persoa maior de idade. Segundo o texto presentado polo Goberno de Mariano Rajoy, nestes casos será "o xuíz" quen determine se esa muller ten "capacidade para tomar esa decisión". Un proceso que coida "rápido" porque "se resolve nun prazo máximo de cinco días". No entanto, deberán acreditar até dous profesionais sanitarios quen existe un prexuízo físico ou psicolóxico para a menor. 

Disciplina de voto
En relación ás críticas suscitadas no seo do Partido Popular polo contido da lei e, nomeadamente, pola supresión do suposto de malformación, Ruíz Gallardón amosouse taxativo e rexeitou que produza unha votación segreda ou mesmo se conceda liberdade de voto @s [email protected] do seu grupo. Segundo o ministro de Xustiza español "todos os que fomos candidatos nas últimas eleccións" polo PP "non só limos senón que asumimos como propio" o programa electoral no que o partido "plasmou" que reformacióna Lei do 2010. Neste senso, sinala, "calquera membro do partido que aceptase ocupar un cargo eleito ou de responsabilidade sustentado nese contrato" non "pode dicir agora que tiña reserva mental sobre algunha das partes dese programa". Así de rotundo deu portazo ás demandas dalgún líder popular como o voceiro basco, Borja Sémper que pedía "votar en conciencia" e non por disciplina partidaria, unha lei coa que amosou ter reticencias.