AS ELECCIÓNS A OLLOS DE... MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO

García Negro apela ao "debido respecto e consideración para a lingua galega"

García Negro apela ao "debido respecto e consideración para a lingua galega"

A de María Pilar García Negro, profesora da UDC e escritora, é a primeira de varias conversas con figuras do panorama político, social e cultural galego sobre as eleccións xerais.


“O financiamento, a posibilidade de control de recursos básicos para a economía galega e poder determinar unha nova relación que enfronte a dependencia de Galiza co Estado” son os factores que pon sobre a mesa María Pilar García Negro, profesora da UDC e escritora, en relación a Galiza nas eleccións xerais que decorrerán o 28 de abril. Unhas cuestións que define como “fundamentais” á hora de estabelecer un autogoberno para a nación.

García Negro considera que no Congreso dos Deputados “debe volver ouvirse, por parte do nacionalismo galego, o debido respecto e consideración para a lingua galega”. Unha lingua, denuncia, agredida polas políticas españolas e estatais.

No que respecta á visión xeral dos comicios, García Negro pon de manifesto a existencia “dunha promoción descarada da rama totalitaria representada por un partido que ten cero representantes no Congreso e está sendo tratado como unha forza parlamentaria” e engade que existe unha pugna entre os partidos por ver quen consegue ser máis españolista.

A ex parlamentar do BNG salienta que a formación nacionalista “é a única que pode atacar a amnesia e o maltrato sistemático sobre a nación galega”.