DENÚNCIAO EN COMÚN-UNIDAS PODEMOS

O Goberno español renuncia ao laboratorio de seguimento de contaminantes de moluscos

O Goberno español renuncia ao laboratorio de seguimento de contaminantes de moluscos
[Imaxe: CRMG] Mexillóns.
[Imaxe: CRMG] Mexillóns.  

En resposta a unha pregunta formulada pola deputada de En Común-Unidas Podemos Yolanda Díaz, o Goberno español pon de manifesto que “non é preciso dispor dun laboratorio de referencia da UE para o seguemento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos dos moluscos bivalvos”. Unha decisión que prexudica Galiza.


“Non é preciso dispor dun laboratorio de referencia da UE para o seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos dos moluscos bivalvos, toda vez que os laboratorios de referencia da UE existentes poden asumir estas competencias”. Así respondeu o Goberno español, liderado por Pedro Sánchez, a unha pregunta formulada por Yolanda Díaz, deputada de Unidas-Podemos, a respeito dun laboratorio para o seguimento dos contaminantes.

“Unha vez máis, o Goberno dá as costas á Galiza e ao seu desenvolvemento económico, cando somos o máximo produtor de moluscos do Estado, co 95% da produción e un dos máis fortes na Comunidade Europea, polo que debería localizarse aquí o laboratorio de referencia con todas as súas competencias”, lamenta Díaz.

Na súa resposta, o Executivo confirma que “o laboratorio de referencia da Unión Europea ubicado en Vigo será o encargado de levar a cabo algunhas das tarefas que se levaban a cabo no Reino Unido”. Díaz denuncia que non se concreta cales serán esas tarefas nin canto persoal se precisará para asumir esta nova parte do traballo.

Ademais, na contestación, o Goberno español fecha a porta á transferencia ao Intecmar das competencias do citado laboratorio, ao asegurar que “a designación do laboratorio realizouna a Comisión Europea mediante o Regulamento (UE) 2018/222, polo que non se pode transferir”.