O goberno español retira a reforma da lei do aborto e Gallardón vaise

O goberno español retira a reforma da lei do aborto e Gallardón vaise
Imaxe dunha mobilización polo dereito ao aborto [SG]
Imaxe dunha mobilización polo dereito ao aborto [SG]  

O presidente do goberno español desiste de reformar a lei nos termos anunciados por Gallardón, mais si que, na actual lei de prazos, se fará obrigatorio o consentimento familiar no caso das menores de idade. Gallardón dimite como ministro e anuncia que deixará o escano, as responsabilidades no PP e di adeus á política. 


O presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, disipou esta terza feira (23 de setembro) as dúbidas sobre a reforma da lei do aborto. Rajoy asegurou que o executivo retira a súa proposta lexislativa. Porén, avanzou que si aprobarán unha reforma para introducir no actual marco legal a obrigatoriedade de contar con autorización familiar no caso daquelas mulleres menores de idade que queiran interromper o seu embarazo. 

Rajoy sinalou en comparecencia de imprensa que a decisión devén da "falta de consenso" no seo do executivo español a respeito dunha das reformas lexislativas con maior rexeitamento social. 

Nas últimas semanas producíranse comunicacións contraditorias desde o Ministerio de Xustiza --área á que se lle encomendou a redacción do novo marco lexislativo. Neste senso, fontes próximas á carteira dirixida por Alberto Ruíz Gallardón aseguraron que o anteproxecto de lei sobre os dereitos do concibido e a muller grávida sería retirado. Porén, o ministro amosouse reticente a aceptar dar marcha atrás e mesmo nos corredores da Moncloa se baralla a posibilidade de que Gallardón remate por presentar a súa demisión. 

Mobilización social e eleccións municipais

No cerne da retirada da reforma atópase o desgaste político que supón para o Partido Popular, cuxos apoios electorais se sitúan nas horas máis baixas. Nas ringleiras da formación política erguéronse diversas voces, tamén desde Galiza, que rexeitaron introducir mudanzas "sen consenso". Aliás, a proximidade das eleccións municipais en 2015 e unha máis que probábel queda de votos, tería motivado o anuncio. 

Aliás, a intensa contestación social amosada polo movemento feminista nas rúas abocou o goberno español a retirar a súa proposta lexislativa. 

No entanto, Rajoy anunciou que o executivo aprobará un "Plan de apoio á familia" antes de rematar a lexislatura, un xesto que visa calmar as queixas dos sectores ultra-católicos. Nas últimas semanas, e perante a inminencia dun anuncio que, finalmente, se materializou esta terza feira, os grupos 'pro-vida' tildaban esta decisión de "traición". 

Gallardón deixa a política

O seu futuro estaba vinculado á da Lei do Aborto e a retirada acelerou a súa despedida. Pouco tardou o ministro Gallardón en anunciar en compadecencia pública a súa dimisión, unha noticia que se sentía con intensidade nas últimas horas mais que viña ecoando desde había xa días. Sen embargo, o ministro non ía facer público só o seu abandono do ministerio. Gallardón mostrouse tallante na súa despedida e deixou claro que o fracaso en levar adíante a nova Lei do Aborto significaba tamén o seu abandono da vida política, na que leva máis de trinta anos desenvolvendo distintos cargos políticos. O ministro cesará no seu escano parlamentario e abandonará tamén os cargos orgánicos no PP aínda que non a militancia.

Alberto Ruíz Gallardón asumiu a súa “responsabilidade” por non ter sido capaz de converter o anteproxecto de lei aprobado en Consello de Ministros en proxecto de lei, unha responsabilidade que asumiu de maneira persoal, malia deixar constancia que o anteproxecto non era do seu ministerio senón “do goberno”. 

“A xestión da nova fórmula non podía nin debía facela quen asumira un compromiso firme e profundo co que cría a vontade do Partido e da sociedade que o apoiara”, dixo no que presentou como a súa última compadecencia en calidade de ministro e no que agradeceu tamén a confianza depositada nel por Rajoy.