O goberno español "veta" a visita institucional de parlamentares galegos á prisión de Teixeiro

O goberno español "veta" a visita institucional de parlamentares galegos á prisión de Teixeiro

A deputada socialista Noela Blanco afirma que o executivo central impede as visitas solicitadas “nun intento de esconder a situación real dos cárceres galegos”.


A deputada do PSdeG Noela Branco exixiu esta quinta feira unha visita institucional do Parlamento de Galiza á prisión de Teixeiro após o que cualificou de “veto” imposto polo goberno español, “que impediu a visita solicitada dende o Grupo Socialista aos centros penitenciarios galegos”. A deputada presentou esta solicitude en forma de emenda a unha proposta do BNG para investigar os presuntos malos tratos denunciados por internos deste cárcere, e que foi finalmente rexeitada polo PP.

De “escurantismo e falla de transparencia” tratou Blanco a actitude do goberno, o que ten, dixo, “unha relación directamente proporcional coas dúbidas sobre o trato que reciben os reclusos”. En realidade, afirmou, supón “un intento de esconder a situación real dos cárceres galegos”.

Lembrou que os socialistas galegos presentaron a principios de 2015 un escrito diante da Delegación do Goberno solicitando esta visita e a subdirectora xeral de relacións Institucionais negara a petición alegando que “a actividade penal é competencia do Estado” e que “os centros son visitados por deputados e senadores nacionais cando así o solicitan”, pero non polos deputados autonómicos.