O goberno galego deixa sen executar 305 millóns de euros para o desenvolvemento do rural

O goberno galego deixa sen executar 305 millóns de euros para o desenvolvemento do rural
[Imaxe: M. Arrazola]
[Imaxe: M. Arrazola]  

Pertencen a fondos destinados ao asentamento de poboación no rural así como para dinamización económica desas zonas.


Ao pouco de gañar as eleccións de novembro de 2016, Alberto Núñez Feixoo prometía que ese o seu terceiro mandato como presidente ía ser “a lexislatura do rural”. Case tres anos despois daquela afirmación as denuncias que ispen aquel compromiso do presidente galego continúan. Unha das últimas, a da deputada socialista Begoña Rodríguez, portavoz de Facenda e de Política Municipal, e que acusa a Xunta de deixar sen executar desde 2016 máis de 305 millóns de euros de partidas e programas correspondentes co asentamento de poboación e desenvolvemento do rural.

Fai referencia aos datos de execución orzamentaria do programa 712A, Fixación de Poboación no Medio Rural, no que ficaron sen investir 29 millóns de euros desde 2016, e dos programas de Actuacións e Valorización do Medio Rural e Dinamización Económica do Medio Rural, nos que deixaron sen executar 276 millóns de euros nestes tres anos.

De tomarmos como base os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), explicou a parlamentar do PSdeG, o sector da Agricultura perdeu na Galiza perto de 20.000 persoas ocupadas desde 2009. “Galiza ten hoxe, logo de dez anos de goberno de Feixoo, 95.000 persoas menos, con 220.000 menores de 40 anos que teñen marchado e onde unha de cada catro persoas é maior de 65 anos. Somos a terceira comunidade autónoma con menor medre vexetativo, perdendo 13.517 habitantes”.