O SECRETARIO XERAL DE PODEMOS GALICIA DÁ POR ROTA A ALIANZA CON VILLARES

Gómez Reino, partidario de sumar Anova ao proxecto de Galicia en Común

Gómez Reino, partidario de sumar Anova ao proxecto de Galicia en Común
Antón Gómez-Reino
Antón Gómez-Reino  Foto: V.U.

Mentres se substancia a ruptura coa En Marea villarista, Galicia en Común postúlase como o novo espazo da autodenominada esquerda transformadora. Composto neste momento por Podemos e EU, o novo axente político aspira a sumar ás súas filas a Anova de Antón Sánchez.


Esta semana vai ser decisiva para a resolución da crise eterna de En Marea. Está por se resolver a designación do senador en representación da comunidade autónoma, un escano que lle correspondería á confluencia por ter sido a segunda forza máis votada nas eleccións galegas de 2016. De acordo coas fontes consultadas por Sermos, nas últimas horas a En Marea villarista e a tríade Podemos-EU-Anova mantiveron negociacións para ver como saír relativamente indemnes desta lea. Unidas Podemos ten maioría no grupo parlamentar e mantén a súa aposta en José Manuel Sande, gañador dunha votación telemática en que non participaron os leais a Villares. O problema é que a proposta ten que levar a asinatura do portavoz no Pazo do Hórreo, cargo que continúa a detentar o ex xuíz en excedencia.

Mentres se resolve este asunto, Podemos e EU continúan a poñer en andamento Galicia en Común, o emerxente axente político que, de acordo con Antón Gómez-Reino, debe ser a nova "ferramenta" sobre a que edificar o autodenominado espazo rupturista no país.

En declaracións á Radio Galicia-Cadena Ser, Gómez Reino, quen deu por rota a alianza co grupo de Villares, dixo este domingo que GeC aproveitará o verán para preparar unha "proposta de país" que presentará á opinión pública galega á volta das ferias, en setembro. Unha proposta xa coa vista posta nas eleccións galegas de 2020.

GeC é neste momento Podemos e EU, mais a vocación de Gómez Reino, secretario xeral da formación morada no país, é estender a alianza á Anova de Antón Sánchez, partido que se mantivo á marxe de todo nos últimos procesos electorais.

Anova ten diante de si un proceso de reflexión sobre o seu rol na política galega —e nomeadamente sobre a súa política de alianzas— que culminará na súa IV Asemblea Nacional a se realizar no outono.