Gómez Reino reitera a oferta a Anova para se incorporar a Galicia en Común

Gómez Reino reitera a oferta a Anova para se incorporar a Galicia en Común
Antón Gómez-Reino, nunha entrevista con Sermos
Antón Gómez-Reino, nunha entrevista con Sermos  Foto: V.U.

Galicia en Común —a plataforma coa que Podemos e EU concorreron ás eleccións xerais do 28A— é o punto de encontro das forzas do cambio e nel teñen o seu espazo natural Anova e outros segmentos progresistas da sociedade galega. Esa tese defendeuna esta segunda feira o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino. A organización vai realizar o próximo domingo 21X unha xornada de debate e formación. A ela asistirá o secretario de Organización estatal Alberto Rodríguez.


Nas xornadas Podemos quere ir perfilando o seu rol como "peza importante" xunto con "outras e outros" na conformación dunha alternativa progresista ao goberno Feixoo. "O 28A [eleccións xerais] dixémolo claramente: o tempo de Feixoo acábase. Desde 2015 a sociedade galega vén indicando nas urnas un cambio progresista", afirmou. O electorado móvese nunha clave de "maioría de progreso" que demandaría unha mudanza política con vistas ás eleccións galegas de 2020, analiza Antón Gómez Reino.

O dirixente da formación morada aproveitou a súa presenza ante os medios para saír ao paso das declaracións realizadas esta mesma segunda feira por Pedro Sánchez [o presidente en funcións daba por rotas as negociacións con Podemos para a súa investidura]. "Percórrenos un sentimento de perplexidade. Insiste na senda da irresponsabilidade. Mascarada a nosa consulta? A mascarada ten sido presentarse como unha forza progresista na campaña e agora andar a procurar o apoio de PP e Cs, que son forzas básicas do trifachito", dixo.

Gómez Reino non ve irreversíbel este desencontro con Sánchez. "A man continúa tendida desde Galicia en Común e o grupo confederal de UP", enfatizou, mais a seguir remitiuse para o perímetro que deben debuxar esas conversas: "A aritmética é a que é. A vontade cidadá foi plural e diversa. Ninguén pode entender que co 28% do lexislativo aspires a ter o 100% do executivo. O que pide Pedro Sánchez é unha absoluta anomalía, algo inverosími democraticamente".

"Queda aínda moito tempo [a investidura está axendada para o 22 de xullo]. Temos os equipos preparados para negociar. A cidadanía galega, Alcoa, os nosos pensionistas... non poden estar esperando máis por ese goberno", acrecentou.

"Ninguén pode entender que co 28% do lexislativo aspires a ter o 100% do executivo"

A perguntas dos medios, Gómez Reino reivindicou Galicia en Común como a "síntese do que foi a proposta [autodenominada rupturista] no ámbito municipal en 2015, nas xerais de 2016 e agora nas últimas eleccións". "Este é un espazo a construír e cremos que nel as e os compañeiros de Anova teñen que participar. Non sobra ninguén, falta moita xente e temos que sumar aínda moitas persoas do ámbito da sociedade civil e dos sectores progresistas do noso país".

Este verán, subliñou, é un bon momento para "que a xente que estamos en organizacións políticas traballemos para, xa despois das ferias, ter a punto a ferramenta e a alianza electoral en marcha canto antes porque as eleccións galegas son inicialmente para setembro do ano que vén".

Canto ao nome que acabará adoptando o grupo formalmente chamado En Marea no Pazo do Hórreo, Gómez Reino deixou claro que non fará cuestión de que na súa denominacion apareza a palabra Podemos, embora considere que esa marca representa as arelas de transformación social de moitas galegas e galegos.