PIDE O CESE

Gonzalo Caballero esixe a Feixoo o pago das nóminas ao persoal público

Gonzalo Caballero esixe a Feixoo o pago das nóminas ao persoal público
Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero  

Desde o PSdeG instan o presidente da Xunta de Galiza a “dicir hoxe mesmo que garante o pago das nóminas das empregadas e empregados públicos” ou ben, a asumir que “non é o presidente que a Galiza necesita”. Así enunciou Gonzalo Caballero, quen ademais amosou a súa “alarma” polo “abrazo” a Santiago Abascal de cargos do PP galego. O secretario xeral do PSdeG preguntouse se tamén Feixoo “estará disposto a abrazar Vox cando lle fagan falta os votos”.


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou este xoves as declaracións realizadas polo conselleiro de Facenda nas que chegou a poñer en cuestión o abono das nóminas dos empregados e empregadas públicas e instou Alberto Núnez Feixoo a corrixilo inmediatamente.

“Se con todas as posibilidades financeiras e todos os mecanismos da Xunta, e cun orzamento de case 10.000 millóns de euros, non son quen de eliminar calquera dúbida ao respecto, Feixoo ten que poñer ao conselleiro de Facenda fóra das súas responsabilidades. E se o presidente da Xunta non pode dicir hoxe mesmo que o pago das nóminas, así como ás e aos provedores está garantido, ten que asumir que non é o presidente que a Galiza necesita”, aseverou Gonzalo Caballero esta quinta feira 29 de agosto.

O líder do PSdeG reprobou o “alarmismo político” que baixo a súa consideración está tentando crear a Xunta

O líder do PSdeG reprobou así mesmo o “alarmismo político” que baixo a súa consideración está tentando crear a Xunta. “Leva todo o mes de agosto falando dun agravio a Galiza para confrontar co goberno socialista”, afirmou Caballero en defensa do executivo de Sánchez.

Precisamente, sobre o goberno central, Caballero afirmou que este fica “nitidamente comprometido co financiamento do Estado das autonomías” e que incluía no seu proxecto de orzamentos un incremento de máis de 7.000 millóns de euros para as comunidades: 4.700 millóns de euros para as entregas a conta e 2.500 millóns de euros máis correspondentes ao IVE.

Caballero sinala porén Casado e Feixoo como causantes do bloqueo das contas polo PP ter votado en contra delas, impedindo, segundo o líder do PSdeG, a posibilidade de transferir eses fondos. “En política hai que ter responsabilidade e, cando un vota, ten que ser responsábel das súas decisións”, advertiu.

A ese respecto, Cabellero valorou que Feixoo está xogando coa Xunta en función dos intereses do PP, cunha estratexia conxunta de aparicións públicas na Galiza e no resto das comunidades nas que o PP goberna grazas a Vox.

“Non asumen o resultado das urnas”, observou Gonzalo Caballero, quen considerou probado que a dereita “é un obstáculo para a gobernabilidade de España e para o financiamento das comunidades autónomas” coa súa estratexia de bloqueo ao goberno central.

“Se houbese orzamentos ou un goberno en plenitude de funcións, hoxe todas as comunidades terían os fondos”, considerou Caballero. A ese respecto afirmou que a primeira decisión que tomará o goberno encabezado por Pedro Sánchez cando teña plenitude de funcións será transferir os fondos das autonomías e; de non saír adiante a investidura, aplicaranse os mecanismos legais que posibiliten realizar as entregas a conta que corresponden ás distintas comunidades”.

Ao fío dos acordos do PP con Vox, o líder do PSdeG amosou a súa “alarma” polo feito de que haxa dirixentes do PPdeG que “saen moi felices dándose apertas con Abascal”, quen estes días estivo na Galiza.

“Preocúpanos, e queremos preguntarlle a Feixoo se ese abrazo é tamén o que o PP galego está disposto a darlle a Vox cando lle fagan falta os seus votos”, inquiriu Gonzalo Caballero, á vista do ‘selfie’ do líder da ultradereita co candidato popular á alcaldía do concello da Guarda.