UNHA OFERTA DE FERRAZ QUE A MINISTRA AÍNDA NON DECIDIU ACEPTAR

Gonzalo Caballero apoia que Nadia Calviño encabece a lista do PSdeG na Coruña

Gonzalo Caballero apoia que Nadia Calviño encabece a lista do PSdeG na Coruña
false
false  

Ten unha oferta do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez. O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, apoiaría a operaciòn. A ministra, porén, afirma que aínda non tomou unha decisión ao respecto.


Nadia Calviño foi a aposta de Pedro Sánchez para dirixir o Ministerio de Economía. Viu nela preparación técnica e boas conexións con Bruxelas. Agora é a súa opción número un para encabezar a lista do PSdeG-PSOE por A Coruña.

A ministra, no entanto, non ten claro que o seu mellor contributo á causa socialista sexa encabezar unha candidatura nas xerais: "Ao presidente díxenlle que estou totalmente a disposición, e comprometida con el e con España, e haberá que ver onde podo achegar maior valor engadido; non estou certo de que indo nunha lista sexa onde eu podo facer un contributo máis grande".

Calviño naceu na Coruña, mais a súa vida profesional e política desenvolveuse na súa maior parte fóra da Galiza. Entre os seus apoios máis destacados no PSdeG figura o ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, quen gaba a capacidade de interlocución da ministra, unha política situada na ala máis liberal da socialdemocracia, coa Comisión Europea.

Esta quinta feira, Gonzalo Caballero deixou claro que a organización galega do partido socialista ve con bos ollos a aposta de Pedro Sánchez, aínda que poda ser interpretada como un dedazo desde Madrid: "É unha magnífica ministra, ten un papel activo na política económica do país e, polo tanto, ten un espazo moi importante que cubrir onde a dirección federal considere que ten que xogar".



x