ENCONTRO DOS LÍDERES EN CAMINHA

Caballero quere para Galiza un goberno da esquerda plural como o que lidera Costa en Portugal

Caballero quere para Galiza un goberno da esquerda plural como o que lidera Costa en Portugal
Caballero e Costa pasean xuntos polas rúas de Caminha
Caballero e Costa pasean xuntos polas rúas de Caminha  

Transmitir imaxe de partido de goberno á fronte dunha coligación plural e, de paso, proxectar tamén a súa propia figura. Eses foron os obxectivos que animaron Gonzalo Caballero a manter este sábado en Caminha un encontro co líder do Partido Socialista portugués e primeiro ministro do país luso, António Costa.


Se Portugal ten unha maioría de esquerdas liderada polo PSP, é quen de cumprir con Bruxelas e ao mesmo tempo é capaz de reverter sequera parcialmente a política de recortes, por que Galiza non pode ter o propio? Esa idea forza é a que se acha tras a viaxe que Gonzalo Caballero fixo esta fin de semana a Caminha para se encontrar co primeiro ministro portugués, António Costa.

Costa fixo un goberno monocolor que conta co apoio na Assembleia da República do PCP e do Bloco de Esquerda. Caballero aspira a gobernar a Xunta en alianza con En Marea e BNG. No seu encontro en Caminha, Caballero e Costa intercambiaron experiencias nun ambiente de optimismo que se explica facilmente: após anos de declive, a socialdemocracia goberna os dous estados da península ibérica e mostra a súa fortaleza á hora de frear alternativas nidiamente dereitistas e/ou populistas.

Segundo un comunicado de imprensa facilitado polo PSdeG, Caballero concibe o rol da formación galega como unha "ponte de contacto" entre o PS e o PSOE visando que Galiza xogue un "papel fundamental" á hora de estabelecer unha axenda común de traballo.

Caballero enfatiza que a xestión de Costa en Portugal e Sánchez en España demostra que "a recuperación [económica] é compatíbel coas políticas sociais", algo que situaría os dous executivos como "referentes no conxunto da UE".

No encontro dos líderes do PS de do PSG participaron tamén Dolores Villarino, responsábel de Política Institucional da formación galega, e Miguel Alves, secretario nacional adxunto do PS e presidente do Consello Rexional do Norte de Portugal.