NICOLÁS GONZÁLEZ, CANDIDATO DO PSOE AO PARLAMENTO EUROPEO

"Gostaría de que na UE sexan conscientes do desastre que se está producindo nos bosques de Galiza"

"Gostaría de que na UE sexan conscientes do desastre que se está producindo nos bosques de Galiza"
Nicolás González
Nicolás González  

O número do PSOE na candidatura ao Parlamento europeo é Nicolás González Casares (1972), natural de Lalín, quen salienta neste cuestionario o "río de solidariedade en forma de máis de 24.000 millóns de euros de fondos europeos que están detrás do proceso de modernización e avance experimentado por Galiza".


Que balance fai para Galiza destes anos de integración na Unión Europea?

Non se entende a Galiza de hoxe sen a súa pertenza á Unión Europea, sen o río de solidariedade en forma de máis de 24.000 millóns de euros de fondos europeos que están detrás do proceso de modernización e avance experimentado por Galiza en todos os ámbitos.

É certo que non todo son parabéns, que a construción naval ou os sectores lácteo e pesqueiro sufriron limitacións. Pero con todo, a nosa integración en Europa está presidida polo éxito dun proxecto político que consolidou o noso proceso de transición democrática, que nos aportou recursos económicos para modernizar estruturas e incrementar o benestar da cidadanía e que nos abriu as portas a movernos nun espazo conformado por 500 millóns de persoas que é a nosa carta de presentación no mundo.

Un espazo que agora está ameazado polo rexurdimento de posicións extremistas que están detrás dos peores días vividos por este continente. Por iso, as eleccións do próximo 26 de maio son cruciais: non só porque hai que frear o extremismo que ameaza a existencia da propia Unión Europea.

Cales son as prioridades de Galiza na UE?

Galiza ten problemas comúns co resto de España e Europa, como o combate prioritario contra o paro e a precariedade, especialmente dos mozos, e problemas específicos, como o desafío demográfico e a necesidade de atender os seus sectores estratéxicos.

Dentro do primeiro bloque, os socialistas ímonos implicar a fondo na loita contra a desigualdade, no desenvolvemento dun piar social vinculante que reforce os sistemas de protección e benestar social, mellore os niveis de vida da cidadanía, loite contra a pobreza infantil e impulse mercados laborais xustos. A unión debe avanzar nos elementos capitais do piar social, nomeadamente o marco europeo de salarios mínimos, o réxime europeo de seguro de desemprego, unha porcentaxe de gasto social mínimo en toda a unión e os plans para impulsar a igualdade salarial entre mulleres e homes, para combater o desemprego xuvenil e para atallar a pobreza infantil.

Pero, como dicía, as sociedades europeas enfrontamos dous cambios estruturais: o dixital e o ecolóxico. Por iso, é vital o desenvolvemento dun pacto polo desenvolvemento sustentábel que permita a Europa liderar eses cambios, ao tempo que nos dotamos dun escudo de protección, un fondo de transición xusta, para que aquelas rexións e aqueles traballadores máis directamente afectados conten con recursos e ferramentas para atopar novas oportunidades.

Polo que atinxe aos problemas específicos de Galiza, e nesa liña viu traballando o Grupo Socialista no marco da negociación dos instrumentos ligados ao futuro orzamento comunitario para o período post-2020, para o noso país hai cando menos tres elementos vitais para o seu desenvolvemento económico: garantir que as políticas comúns agraria e pesqueira non vexan recortados os seus fondos, o desenvolvemento dunha axenda industrial integral e o aproveitamento das oportunidades ligadas á transición enerxética.

Unha última reflexión sobre a crise demográfica. Na última década, Galiza perdeu o 2,46% da súa poboación, case o 25% entre 15 e 39 anos. Europa debe redobrar esforzos para loitar contra o inverno demográfico cunha estratexia clara e un marco xurídico acorde que recoñeza de forma específica os territorios con desvantaxes demográficas como o noso, ao tempo que se toman en consideración para a asignación de fondos estruturais. Nese sentido, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional debe priorizar a loita contra este desafío.

Non se entende Galiza sen a súa pertenza á UE

Nese sentido, que Europa propoñen desde a súa formación e cal sería o papel de Galiza nela?

Como xa lle dixen anteriormente, os socialistas aspiramos a construír unha Europa máis xusta, máis social, máis solidaria. Esta é unha tarefa urxente dadas as profundas feridas causadas por unha década de crise económica e da adopción de medidas de mal chamada austeridade que agravaron os custos sociais da mesma. Se iso é verdade para o conxunto de Europa, máis o é para Galiza.

Como socialistas, propoñemos un novo contrato social para Europa, para unha Europa que supere a desigualdade, que loite pola xustiza fiscal, que afronte a ameaza do cambio climático, que tire partido da revolución dixital, que fomente o seu sector primario garantíndolle á xente do mar e do campo condicións de vida xustas e dignas.

Esa é a Europa que queremos os socialistas. Unha Europa na que Galiza reverdeza influíndo e facendo valer a súa voz dentro desa Europa social e socialista en cuxa construción aspiro a traballar se conto coa confianza da cidadanía a partir do 26 de maio.

Cal será a primeira iniciativa que proporá no Parlamento Europeo?

Pois mire non teño “unha primeira iniciativa” pero si me gustaría que en Europa sexan conscientes do desastre ecolóxico que se está producindo nos bosques de Galiza, asediada polo monocultivo do eucalipto coa complicidade da Xunta de Galiza . En todo caso a miña aspiración, e o meu compromiso, é que o meu traballo sirva aos intereses de Galiza non só o primeiro día, senón cada un dos 1825 días que dura a lexislatura europea.

Vostedes non poden intervir no Parlamento en galego porque non é lingua oficial na eurocámara. En que idioma se comunicará nas súas intervencións?

Efectivamente, de acordo aos Tratados, o réxime lingüístico das institucións comunitarias fíxao o Consello por unanimidade. Iso implica que hoxe haxa 24 idiomas oficiais no Parlamento Europeo e o galego non estea entre eles. É unha mágoa, dado que un sempre desexa poder expresarse na súa lingua materna. Non obstante, hai que ser conscientes de que esas 24 linguas oficiais levan a que haxa 552 combinacións posíbeis no Parlamento á hora de traducir os diferentes documentos ás diferentes linguas oficiais. Falándose arredor de 60 linguas na Unión Europea, de seren todas oficiais, daríanse máis de 3.500 combinacións. Polo tanto, non sendo posíbel utilizar o galego, utilizarei o castelán.

Hai multitude de actividades arredor do Parlamento que poden e deben ser utilizadas par dar visibilidade á lingua

A propósito do idioma, que poden facer as eurodeputadas e eurodeputados galegos pola lingua desde o Parlamento?

En primeiro lugar, valorar e coidar a lingua, algo que non está a facer o primeiro responsábel público da súa potenciación de acordo ao Estatuto, a Xunta de Galiza presidida por Feixoo. Iso implica estar atentos ás decisións adoptadas polo actual Goberno de Galiza para facer respectar o previsto na Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea no que atinxe ao respecto da diversidade cultural e lingüística e á prohibición de toda discriminación por razón de lingua. E, por suposto, facer uso da lingua en todas as circunstancias que se poida porque a actividade parlamentaria non se limita ás intervencións en plenos e comisións, hai multitude de actividades arredor do Parlamento que poden e deben ser utilizadas par dar visibilidade á lingua. Asegúrolle que a lingua galega e a nosa Cultura van estar comigo en Bruxelas. E, desde logo, pódese empregar a canle da comunidade dos países lusófonos para abrirlle portas ao galego.

A función e actividade dos partidos e grupos parlamentarios europeos son pouco coñecidas. En cal se integran vostedes e cal é a súa utilidade práctica para as galegas e galegos?

Tal descoñecemento debería facernos reflexionar a todos, tanto aos representantes públicos como aos medios de comunicación, dado que é innegábel a importancia da lexislación aprobada en Europa para a cidadanía pero é evidente que tal importancia non ten o eco mediático que merece e iso tamén fai que a cidadanía perciba como afastado o conxunto das institucións comunitarias.

O Partido Socialista está integrado no Grupo dos Socialistas e Demócratas, o segundo grupo máis grande da cámara. E ese é un factor diferencial porque, máis alá de voces testemuñais, o fundamental á hora de defender os intereses de Galiza é ter influencia para poder orientar as decisións europeas en beneficio do noso país. E iso lógrase a través dun grande grupo como o dos Socialistas e Demócratas.

Nun contexto de ascenso da ultradereita, a eurocámara aprobou en outubro unha resolución contra o avanzo do neofascismo en Europa e pola ilegalización da Fundación Francisco Franco. Como valora o aumento destas forzas en Europa e a existencia desta fundación?

Con respecto ao segundo, creo que decisións como a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos e a recuperación das partidas da lei de memoria histórica ou a homenaxe rendida ao exilio republicano polo presidente do Goberno nas figuras de Manuel Azaña e Antonio Machado falan por si mesmas. Desde logo, para min non teñen encaixe nunha sociedade democrática asociacións que glorifican ditadores e réximes ditatoriais.

En canto ao ascenso da ultradereita, non cabe laiarse, senón actuar. Acabamos de velo nas últimas eleccións xerais onde se puxo fin á excepción española co retorno da ultradereita ao Congreso dos Deputados.

Hai que combater a mensaxe de odio, de retroceso destes partidos, en primeiro lugar, loitando contra os problemas que alimentan a frustración da cidadanía –o paro, a precariedade, o debilitamento dos servizos públicos, a desigualdade–, impulsando a transparencia e rendición de contas dos responsábeis públicos pero tamén facendo pedagoxía do que estas opcións políticas implican.