O Grupo Común da Esquerda pide medidas fronte aos efectos dos pisos turísticos no prezo da vivenda

O Grupo Común da Esquerda pide medidas fronte aos efectos dos pisos turísticos no prezo da vivenda
Foto: Laura R. Cuba,
Foto: Laura R. Cuba,  

Acusa a Xunta de “non ser quen” de afrontar un problema que se está a “descontrolar”.


Os pisos turísticos aumentaron na Galiza en case 20% no primeiro semestre deste ano e e en 90% a respecto do ano pasado. Son xa case 9.000, segundo o Grupo Común das Esquerda, que presentou unha iniciativa no Parlamento da Galiza para instar a Xunta a adoptar medidas que eviten que esta “proliferación descontrolada”, en palabras da deputada Luca Chao, teña prexuízos sobre os prezos da vivenda.

“Os datos que manexa o Observatorio da Vivenda da Xunta –elaborados a partir de case 30.000 contratos de vivenda– son claros ao respecto. Dende o ano 2016 o importe mensual medio dos contratos creceu un 31% na Coruña, un 27% en Vigo, un 15,3% en Santiago e un 21,5% en Pontevedra. O aumento do prezo dos alugueres camiña paralelo ao aumento do número de pisos turísticos”, destacou a deputada, que tamén advertiu que “sube tamén o prezo dos inmobles que están á venta e, segundo os últimos datos publicados, asemella que unha nova burbulla volve asomar no horizonte”.

Chao sinalou que “a proliferación  descontrolada deste tipo de aloxamentos pon en risco o dereito á vivenda, pois está expulsando á poboación do centro das cidades en beneficio dun negocio turístico precario”. Así, afeou a actitude do Executivo autonómico porque “o PP nega que exista o problema, pero a realidade imponse.  A Xunta non é quen de xestionar o panorama inmobiliario galego”. 

A proposta foi rexeirada polo PP. Nela recollíase a necesidade de elaborar un informe polo miúdo que inclúa o número de vivendas turísticas legalizadas á luz do decreto que regula esta actividade; a aprobación dunha moratoria sobre a apertura de novos pisos turísticos naquelas zonas que, durante o último ano, experimentaran grandes subidas do aluguer; e a modificación do decreto para publicar o número de rexistro das vivendas ofertadas, diferenciar entre os tipos de propietarios e que as vivendas situadas en zonas especialmente sensíbeis precisen dunha autorización previa dos concellos nos que se radican.