Gumersindo Galego, novo alcalde de Fene ao prosperar a moción de censura impulsada polo PP

Gumersindo Galego, novo alcalde de Fene ao prosperar a moción de censura impulsada polo PP
Juventino Trigo (á esquerda da imaxe).
Juventino Trigo (á esquerda da imaxe).  

Os populares (7 edís) contaron co apoio de Somos Fene (2) e a abstención do PSOE (3 concelleiros) para acabar co mandato de Juventino Trigo (BNG, 4 edís), que gobernaba en coligazón con EU (1).


Gumersindo Galego é desde a mañá desta sexta feira novo alcalde de Fene ao prosperar a moción de censura contra Juventino Trigo (BNG) impulsada polo PP e apoiada por Somos Fene e coa abstención do PSOE. BNG e Esquerda Unida - formacións que integraban o goberno local- votaron en contra. Sandra Permuy, portavoz nacionalista no pleno, afirmou que "esta moción non ten base nin xeito" nun salón de actos ateigado de público que, na súa gran maioría, criticou a moción e deu mostras de apoio ao alcalde agora saínte. A concelleira de EU, Maricarmen Martínez, tamén denunciou esta moción: "Os concelleiros que non pisaron este Concello agora queren ocupar o Goberno", dixo. Unha vez triunfante a moción, o novo alcalde, Gumersindo Galego, interveu no pleno entre apupos e asubíos do público e berros de "Fóra, Fóra!". O rexedor do PP afirmou que "non van defraudar" á veciñanza de Fene, que "xa me coñece".

WhatsApp Image 2018-04-06 at 14.13.22

Unha resolución do xulgado contencioso número 1 de Ferrol obrigou a realizar a moción de censura contra Juventino Trigo esta sexta feira -suspendida no seu día por unha decisión da Mesa de Idade do concello perante as sospeitas de transfuguismo dos edís de Somos Fene-. Trigo valorou esta semana que o auto xudicial “non se axusta a dereito pola súa escasa consistencia legal”. 

A moción, porén, decorreu na mañá desta sexta feira. Votos en contra da moción, 5 (4 do BNG e 1 de EU); a favor 9 (7 PP e 2 Somos Fene) e abstencións, 3 (PSOE). Fene pasa así a alargar o número de concellos que o PP pasou a gobernar a través de mocións de censura após as eleccións de maio de 2015, como Boimorto, Pontecesures, Santa Comba, Oia ou Noia, entre outros.



x