VOCES DE CAMPAÑA/PILAR CANCELA

“Hai que derrogar o artigo 135 da Constitución e recoñecer que nos fixo politicamente moito dano"

“Hai que derrogar o artigo 135 da Constitución e recoñecer que nos fixo politicamente moito dano"
Pilar cancela
Pilar cancela  

A cabeza de lista do PSOE pola Coruña, Pilar Cancela, fai fincapé nos logros do seu partido como garantía dunha alternativa política ao PP.



Que pode aportar Pilar Cancela como deputada?

Todo o meu traballo e a miña enerxía. Non só de xeito individual, porque non estou aquí a título persoal. Son a candidata dun partido con 136 anos de historia. Iso significa que tivemos un papel fundamental no desenvolvemento da historia democrática de este país, que estivemos gobernando durante moitos anos. Coas nosas luces e as nosas sombras, pero as luces son moito máis intensas que as sombras. Cando a xente sae á rúa e reivindica unha sanidade e unha educación públicas e universais, ou de que hai que garantir as pensións, de todo o que ten a ver cos dereitos e as liberdades sociais, somos nós quen o establecemos, non sós, compartido e construído coa sociedade, unha cuestión mutua. Un modelo de sociedade que nunca pensamos que podería estar en perigo, pero hoxe si o está.

Cal sería a súa primeira medida de ser elixida deputada?

A derrogación da reforma laboral do PP. A xente o vive cada día. En Galiza nos últimos sete anos marcharon máis de 100.000 mozas e mozos e cunhas expectativas moi negativas de volver. Ese investimento que se fixo na educación, para poder competir, para poder loitar polo progreso de Galiza, non se está recuperando. Xa non é só que aqueles que queren traballar non poden, senón que quen traballa non lle garanten ter un salario para vivir con dignidade. Con contratos parciais, incluso de horas, ninguén pode construír un proxecto vital.

"A derrogación da reforma laboral do PP non sería unha volta á reforma anterior do PSOE"

Significaría unha volta á reforma laboral anterior do PSOE?

Non. Creo que ten que volver ao marco do Estatuto dos Traballadores que existía naquel momento e o que hai que abrir a partir inmediatamente é un proceso de diálogo social, de concertación social, para que esa construción dun novo marco lexislativo no ámbito laboral sexa froito do consenso. Non se poden construír relacións laborais estables, de cara ao crecemento do emprego de calidade, se non participan os representantes dos traballadores e dos empresarios, e o propio poder político, que aposte por outro modelo de traballo neste país.

É partidaria dunha emenda á totalidade da Constitución, como propoñen outras forzas?

Non e por unha razón. Os pobos están condenados a non progresar se esquezan a súa historia. O noso modelo de transición política foi modélico, non só en Europa, tamén para o resto do mundo. Os piares esenciais están aí, pero acontece que desde o ano 78 a sociedade española e galega evolucionou moitísimo. E hai xeracións que non participaron dese proceso constituínte e non se senten parte desa Constitución. Hai determinados principios que rexen o noso modelo económico e social que non se están cumprindo: o dereito ao traballo, a unha vivenda digna... Hai que blindar no texto constitucional de determinados dereitos que son fundamentais e non só falar de estabilidade presupostaria. Hai que falar de estabilidade de dereitos sociais como a educación ou á sanidade. 

"No debate territorial non nos debe condicionar en absoluto unha reivindicación secesionista como a de Cataluña"

E sobre o modelo territorial?

Nós apostamos por un modelo federalista. Somos un partido federal, españolista pero tamén amamos profundamente Galiza. Entendemos que Galiza como nacionalidade histórica non pode ter máis nin menos que ninguén. Esa é a nosa aposta: equilibrio territorial. E por suposto aquelas nacionalidades históricas que nos diferenciamos por unha fala e unha cultura, temos que ir un paso máis alá. Hai determinadas competencias que neste momento están distribuídas e que as comunidades autónomas deberían asumir. Non se trata de que Cataluña se pense o que se está pensando. Que hai que telo en conta e é importante. Non nos debe condicionar en absoluto unha reivindicación secesionista do propio Estado. 

Eliminaría o artigo 135 da Constitución?

Entendemos que ese artigo hai que derogalo e recoñecer que a aprobación dese artigo nos fixo politicamente moito dano. É certo que correspondeu a un momento político moi concreto. Eu me lembro da cara de Zapatero ese día que compareceu diante das Cortes. Non era un presidente satisfeito co que estaba comunicando, pero era un presidente moi responsable co seu país malia que sabía que as medidas que adoptaba serían moi impopulares. Agora, nas actuais circunstancias, hai que derrogar ese artigo.

"Con quen nunca imos pactar é co PP nin con Ciudadanos"

Cales son as súas principais propostas pola Coruña?

Non se diferencia substancialmente no ámbito xenérico do que sería necesario para Galiza nas outras provincias. Pero alén diso, hai determinados sectores estratéxicos que están esquecidos por parte do Estado e pola propia Xunta. Cando escoito falar ao PP, que leva catro anos gobernando no Estado e sete en Galiza, digo eu que terá algo que ver co que está a pasar. Non pode ser que un sector como o cerco que nin sequera poidan ser escoitados polo presidente da Xunta acampados a vinte metros de San Caetano. Non pode ser que o sector leiteiro estea de novo na rúa porque eses supostos compromisos non están por ningures, e parecen pouco menos que unha tomadura de pelo. Non podemos tampouco esquecer da situación do naval en Ferrolterra. Non hai ningún sector estratéxico de Galiza que estea hoxe mellor para poder afrontar o presente e o futuro. E despois hai determinadas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar territorio como o AVE, o porto exterior da Coruña, o dique flotante de Ferrol. 

Nun escenario onde o PSOE precisara de alianzas para gobernar en Madrid, con que forza estaría máis cómoda?

Estamos nesta campaña, e o digo sinceramente, coa única intención de gañar. Ese é o noso obxectivo. Agora ben, eu sempre o dixen, e nunca ocultei, que somos un partido de esquerdas e nos sentiremos cómodos con forzas de esquerdas. Con quen nunca imos pactar é co PP nin con Ciudadanos. En todo caso, nós estamos para traballar e para gañar, non temos outro tema que nos ocupe. Desa cuestión xa se ocupan outros. 
 



x