AS ELECCIÓNS A OLLOS DE..... MARICA CAMPO

“Hai que facer máis para integrar a poboación inmigrante que vive nas nosas cidades”

“Hai que facer máis para integrar a poboación inmigrante que vive nas nosas cidades”
Marica Campo
Marica Campo  CC BY-SA 2.0

A escritora, homenaxeada pola Sega no V Día das Galegas nas Letras, afirma que segue con atención a campaña electoral do 26 de maio, tanto no que respecta ás municipais como ás europeas.


Que considera que debería de ter espazo nesta campaña electoral e cre que non o ten?

Creo que nas eleccións europeas apenas sabemos dos proxectos de cada un dos países sobre como debe ser Europa, non hai debate sobre esas empresas e proxectos que se fan sobre a UE e como nos afectan. Pero o principal que boto en falta na campaña é a presenza de dúas cuestións urxentes: o cambio climático e a cuestión da alimentación, de como a estas alturas hai moita xente que no mundo morre de fame e desde aquí temos a nosa responsabilidade.

Segue con interese as eleccións?

É importante facelo. Non se pode dicir que pasamos da política porque a política non pasa de nós. Sígoa, si, o que se debate e se decide aféctanos moito.

Que medida ou política concreta acha que se debería de facer en Lugo e que non hai?

Creo que habería que facer un maior esfozo en políticas e actuacións dirixidas a integrar e axudar a poboación inmigrante que hai nas cidades. En cuestións como a de procurar un emprego, por exemplo, mais tamén noutras. A cidade e Galiza temos un problema importante, que é a perda de poboación e que a poboación cada vez avellenta máis. E iso non se vai reverter só coa natalidade, tamén coa xente inmigrante que veña, moitas delas escapando de fames e guerras. Por iso hai que traballar máis na integración.