O SXPL ACHA QUE O CENTRO VULNERA A LEI DE SERVIZOS SOCIAIS

Valentín García ve "ignoración dos dereitos lingüísticos" no caso Jungle World

Valentín García ve "ignoración dos dereitos lingüísticos" no caso Jungle World
Valentín García
Valentín García  

Valentín García é o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza. Conversamos con el sobre o caso de Jungle World, que lles remitiu ás traballadoras unha circular na que se lles informa da exclusión do galego nas actividades deste centro infantil.


Que valoración ten sobre o caso sufrido por Belén Tajes en Jungle World?

Unha valoración moi negativa. Nós desde o primeiro momento contactamos tanto coa empresa coma coa traballadora (no caso dela, a través da Mesa pola Normalización Lingüística), coa que nos reunimos a pasada segunda feira para analizar o acontecido. Non se debe limitar o uso do galego en ningún ámbito de traballo, e menos no ámbito do ensino.

Que aludiu o centro?

Hai que matizar que non se trata dun centro educativo e non imparte ensino regulado, senón que se trata dun espazo infantil que depende de Política Social, o cal non ignora o que fixeron. O que fixo este centro hai que valoralo por dúas vertentes: unha, que vulnera a Lei 13/2008, de Servizos Sociais, que recolle a protección dos dereitos lingüísticos, de maneira que a actividade do centro ten que ofertar de maneira positiva o galego. Somos contundentes coa lei na man. E a segunda vertente, a dos dereitos lingüísticos da traballadora.

Entón, que lles dixo a empresa?

Remitiunos a un comunicado que lles remitiu aos medios e no que di que non hai persecución á lingua nin que teñen ningún tipo de animadversión.

"Hai que garantir os dereitos lingüísticos dos usuarios e o da traballadora"

Que medidas adoptou ao respecto Política Lingüístico?

Puxémonos en contacto coa empresa, con Política Social e coa traballadora. Agora estamos elaborando o informe que desde o punto vista lingüístico axude a Consellaría de Política Social a adoptar as medidas que teña que tomar con esta empresa e coa súa actividade. Aquí hai dúas liñas de actuación: garantir os servizos en lingua galega da empresa con respecto aos seus usuarios, os nenos e as nenas, e os dereitos lingüísticos da traballadora, porque tal e como explica ela e tal e como pode desprenderse da circular, hai unha suposta ignoración dos dereitos lingüísticos da traballadora, á marxe de que empresa sexa de coidado de nenos ou nenas ou de que sexa doutro tipo de natureza.

Que vai facer constar Política Lingüística no informe?

Que hai que garantir os dereitos lingüísticos dos traballadores e dos usuarios.

Unha vez rematado o informe, cales son as vías a seguir?

Quen ten que actuar é Política Social. Nós desde aquí imos facer un seguimento e así llo dixemos á empresa e á traballadora. Estas situacións, por experiencia, sabemos que mudan. A política lingüística da empresa non ten que seguir sendo a mesma e agardamos que non o sexa. Temos que facer todo o posíbel para que así sexa. Normalmente, estas cousas recondúcense por parte das empresas, máis aínda nun caso tan delicado coma este. Supoñemos que a empresa vai cambiar de actitude e ter outro tipo de comportamento. Non é tan difícil como pode parecer. Non estamos falando de converter o chumbo en ouro nin caeu a catedral de Santiago.

"Os centros teñen que facer unha discriminación positiva a favor do galego e tomar medidas de protección e promoción"

Que pode facer a Xunta para evitar casos como este?

Aplicar a normativa existente. Neste caso, os centros teñen que facer unha discriminación positiva a favor do galego e tomar medidas de protección e promoción. Ter unha responsabilidade social con respecto á lingua. A lingua é o noso patrimonio cultural máis valioso e hai que potencialo.