O home do "desprazamento da masa manifestante" aterra en Ciudadanos

O home do "desprazamento da masa manifestante" aterra en Ciudadanos
Diz Guedes, durante a súa toma de posesión como conselleiro de Agricultura [Captura de imaxe da CRTVG]
Diz Guedes, durante a súa toma de posesión como conselleiro de Agricultura [Captura de imaxe da CRTVG]  CRTVG

Foino case todo durante o reinado de Fraga no PPdeG. Após unha efémera excursión ás filas do falido proxecto político de Mario Conde, voltou á disciplina popular cando Raxoi se fixo coas chaves do palacio da Moncloa. Agora, en plena fragmentación da dereita, aterra en Ciudadanos para asaltar a alcaldía de Tui, responsabilidade institucional que xa detentou durante o seu longo percurso como dirixente do PP.


Juan Manuel Díz Guedes (Tui, 1953) ocupou varias carteiras nos gabinetes de Manuel Fraga (consellarías de Xustiza e Interior, Relacións Institucionais e Agricultura) e tamén asumiu tarefas orgánicas, como a secretaría de Organización do PPdeG. Porén, o seu maior momento de gloria mediática chegou en 1996 cando, como delegado do goberno español na Galiza, se revelou como un pioneiro da post-verdade, un mestre no uso dos eufemismos e do falseamento da realidade. Após o escándalo producido pola violencia policia na represión dunha pacífica manifestación de pensionistas face un local en que ceaba Manuel Fraga, xustificou a acción das forzas e corpos de seguridade do estado porque entre os protestantes se achaban "mozos aguerridos" e negou que se producira ataque policial contra as persoas concentradas: "Non houbo carga, senón desprazamento da masa manifestante", dixo.

Agora Diz Guedes, a pesar de ter proclamado en reiteradas ocasións que non voltaría á area política, reaparece e faino coa camisola de Ciudadanos, embora a súa antiga adscrición ao sector da boina do PPdeG, o liderado polo falecido Xosé Cuíña, puidese facer pensar que se achase distante dos postulados inequivocamente anti-autonomistas do partido de Albert Rivera.

En realidade, na súa pasaxe pola Delegación do Goberno xa deixou patente que o seu galeguismo non se atopaba precisamente na fronteira da autodeterminación, a diferenza daquilo que postulaba Cuíña. De feito, naquela altura dedicou virulentos ataques ao nacionalismo galego, até o punto de tildar o BNG de "secta perigosa" e de se referir a esta formación, en comunicados oficiais, como "os separatistas".