ENTREVISTAMOS OLGA ALONSO, CANDIDATA DO PSDEG AO CONGRESO POR PONTEVEDRA

“Houbo unha estratexia e un bloqueo do resto de partidos para non deixar gobernar ao PSOE”

“Houbo unha estratexia e un bloqueo do resto de partidos para non deixar gobernar ao PSOE”
Olga Alonso, candidata do PSdeG ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra [Imaxe: PSdeG]
Olga Alonso, candidata do PSdeG ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra [Imaxe: PSdeG]  
A candidata do PSdeG ao Congreso defínese, ante todo, como “mestra”. Olga Alonso conversa con Sermos Galiza sobre as eivas que sofre o tecido industrial de Vigo e as comarcas circundantes, da necesidade de atender ás pensionistas ou dos retos que enfronta o sindicalismo. Ela foi a primeira muller na Galiza en ocupar o cargo de delegada comarcal, en 2007 con UXT.

Cando foi candidata polo Congreso en abril dixo que non quería perder “a visión da realidade”.

Eu veño dunha política municipal que está sempre na rúa, atendendo os veciños. Nós saímos elixidos por unha provincia que representamos en Madrid. O que quero é non perder a realidade que teño que defender, polo que estarei tamén na miña provincia para escoitar o que precisa a xente de Vigo, de Pontevedra e de Galiza.

En abril as negociacións fracasaron, fallaron os partidos políticos á cidadanía?

O que houbo foron uns resultados clarísimos, que deron gañador o Partido Socialista. E quero salientar os resultados na provincia de Pontevedra, que tamén deron gañador ao PSOE. Despois houbo unha estratexia e un bloqueo do resto de partidos para non deixar gobernar ao PSOE. Cando a xente define claramente para este país paréceme mal que isto non se teña en conta. Pero esta é unha nova oportunidade para acadar catro anos de estabilidade cun Goberno de progreso. Os anteriores só recortaron e deixaron atrás as persoas.

Esta é unha nova oportunidade para acadar catro anos de estabilidade cun Goberno de progreso

Como xestionaría ese Goberno de progreso o debate territorial e as demandas dunha parte da cidadanía catalá?

Nun país onde non sobre ninguén. O máis importante é a convivencia, hai que falar, dialogar e convivir.  

Asistimos a un debate televisivo no que se propoñen políticas que discriminan abertamente unha parte da poboación, a emigrante.

Observamos unha ultradereita que volve sacar temas que pensamos que estaban superados e dereitos que considerabamos conquistados. Somos un país de emigrantes, diso sabemos moito os galegos, pero tamén somos un país e acollida. Non podemos retroceder, preocúpanos moito que ese tipo de políticas teñan voz e votos.

Precisamente, en 2019 residen 519.646 galegas e galegos no exterior. Moitas persoas novas continúan a emigrar ante a imposibilidade de desenvolver proxectos vitais na Galiza. Cales son as propostas do PSdeG para que isto non aconteza?

Esa é unha das consecuencias dos anteriores gobernos. Temos que atender aos mozos e as mozas que, como en anos pasados, tiveron que saír do país para buscar unha oportunidade. Esa oportunidade témoslla que dar no país. As xeracións máis formadas e ganas de loitar para o seu futuro están marchando fóra. O PSdeG conta cun plan de retorno e un plan de emprego xuvenil. Mais temos que contar cos nosos maiores, tamén.

As xeracións máis formadas están marchando fóra

Cales son as principais preocupacións do PSdeG na circunscrición de Pontevedra?

En todos estes anos de Goberno do PP as demandas de Vigo, o núcleo industrial e poboacional máis importante da provincia, foron esquecidas. É importantísimo atender ao tecido industrial, sobre todo ano naval. A industria crea empregos e dinamiza a economía. Son importantísimas as infraestruturas para dar comunicación ás empresas. Onte un empresario sinalábame que carecemos dun tren o suficientemente rápido, no aeroporto temos problemas para atraer voos e contamos cunha estrada de entrada en malas condicións. Tamén as políticas sociais, a provincia non conta con tantos pensionistas como outras áreas galegas, mais si contamos con núcleos rurais, como Lalín ou Silleda, que precisan ser atendidos, para que a xente siga quedando no rural. 

As empresas teñen que adaptarse á transición ecolóxica

Como se compatibiliza o necesario pulo á industrialización coa transición ecolóxica?

Temos que traballar para o futuro, axudando ás empresas a darse conta da necesaria transformación que deben levar a cabo. Primeiro no eido dixital, para o que son precisos recursos formativos para os traballadoras, e segundo e máis importante no eido ecolóxico. As empresas teñen que adaptarse. 

O PSdeG apostou no Parlamento por apoiar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que demandaba a xestión pública dos encoros cuxa concesión caduque, pedindo a maiores a axuda do Ministerio de Transición Ecolóxica. A ILP non foi adiante, mais apoiarán unha iniciativa similar no Congreso?

Relacionado co cambio climático hai un problema, que en Galiza non é grave, que é o do abastecemento de auga. Esas poden ser algunhas medidas, nós sempre defenderemos a transformación ecolóxica e o investimento nela pensando en postos de traballo.  

As xubiladas galegas viven cunhas das pensións máis baixas do Estado. UXT puxo en marcha unha campaña na que solicita que se revaloricen as prestacións das ex traballadoras temporais de xeito retroactivo. Apoiarán esta demanda?

A problemática das pensións é moi importante, pois falamos de persoas que traballaron toda a vida, que fixeron un sacrificio nestes anos de crise e que, con esas pensións, mantiveron a moitas familias. Pedro Sánchez deuse conta ao chegar ao Goberno da importancia desta problemática, vai no ADN dos socialistas. Subimos as pensións, mais hai que seguir traballando. Non só actualizándoas co IPC senón aumentando as máis baixas, como as pensións de viuvez. 

Hai que aumentar as pensións máis baixas, como as de viuvez

Foi a primeira muller delegada comarcal de UXT en 2007. Doce anos despois, como incorpora o PSdeG as demandas dos feminismos?

No mundo sindical vivín moitas cousas, no mundo sindical conseguimos levar adiante moitas reivindicacións. Melloramos moito as condicións de traballo das persoas, conseguimos a igualdade laboral e salarial entre mulleres e homes. Loitamos por menos horas de traballo, por convenios xustos. E o que me da medo é que todo iso está a perderse. Algún ministro de Gobernos anteriores dicíanos que “vivimos por enriba das nosas posibilidades”. Eu penso que o único que fixo a maior parte do país foi traballar, polas nosas crianzas e os nosos maiores. 

Como afrontan os sindicatos a tarefa de adaptarse a un contexto laboral máis precario, individualista, e con novos sectores no eido da economía dixital como os riders?

Os sindicatos teñen problemas desde hai anos porque recibiron ataques directos polo traballo que estaban realizando. Os sindicatos sempre loitaron pola clase traballadora, pero o Goberno do PP atacounos para que tivesen menos forza. Antes tiñamos unhas estruturas laborais moi definidos, á par que os sectores laborais, e as estruturas de traballo fóronse unificando porque os traballos están mudando. Hai novas necesidades e xorden novas posibilidades, pero é verdade que o que xorde non ten as mesmas garantías. É probábel que os riders non cheguen ao mundo sindical, pero o mundo sindical ten que chegar a eles. Ninguén pode quedar desprotexido. 

Os sindicatos recibiron ataques directos polo seu traballo

Vostede é docente de profesión, como están a afectar os constantes cambios lexislativos no alumnado e profesorado?

Eu son e sempre fun mestra, o mundo da educación viviu moitos avatares. Non pode ser que os cambios políticos inflúan nalgo tan importante e básico como a educación. Teño ilusión por traballar nun pacto de Estado pola educación pública. Eu vivín recortes en persoal, en salarios, aumento das horas, infraestruturas precarias. A xente sentíase desprotexida, sobre todo na Secundaria, onde as materias afíns facía que o profesorado impartise materias para as que non tiña formación. Iso reduce a calidade da educación, non se pode lexislar sen ter en conta a comunidade educativa, sen escoitala.