PESCA

Iglesias na Coruña: “É fundamental que España negocie mellor as cotas pesqueiras en Bruxelas”

Iglesias na Coruña: “É fundamental que España negocie mellor as cotas pesqueiras en Bruxelas”
Gómez-Reino, Iglesias e Díaz
Gómez-Reino, Iglesias e Díaz  

A lonxa da Coruña recibiu a visita de Pablo Iglesias, quen se comprometeu, xunto a Díaz e Gómez-Reino, a reforzar o sector da pesca “porque é estratéxico para Galiza”.


Defender un sector estratéxico para Galiza como é o da pesca será un compromiso fundamental para En Común-Unidas Podemos, segundo anunciou Pablo Iglesias na súa visita á lonxa da Coruña.

O candidato á presidencia por En Común-Unidas Podemos declarou aos medios que é fundamental entender que Galiza é o puntal da pesca no Estado, polo que urxe apoiar un sector que “xera moitos postos de traballo”, enunciou.

O candidato e tamén secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, estivo acompañado pola candidata ao Congreso por Pontevedra, Yolanda Díaz, e o cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino.

"Un goberno valente ten que facer valer un sector no que Galiza é punteira", afirmou Gómez-Reino

De “orgullo” cualificou Iglesias o feito de poder estar na lonxa da Coruña, e resaltou que se trata do porto máis importante de Europa de descarga de peixe fresco.


O candidato á presidencia do Estado incidiu en na necesidade de que “España negocie mellor as cotas pesqueiras en Bruxelas e apoie un sector tan necesario. Nesa mesma liña, o candidato pola Coruña, Antón Gómez Reino, resaltou tamén a necesidade de "defender na Unión Europea cotas dignas para o noso sector pesqueiro”, e afirmou que un “goberno valente” ten que facer valer un sector no que Galiza é punteira como é o marítimo-pesqueiro.

Brexit e pesca galega


Sobre o Brexit e como a saída do Reino Unido pode afectar á pesca galega, Iglesias denunciou a “pouca importancia que tiveron os sucesivos gobernos de España en Europa” habendo máis de 80 barcos galegos faenando no Gran Sol e máis de vinte nas Malvinas cun saldo comercial de 40 millóns ao ano só en peixe fresco e conxelado, salientou.

“Como pode ser que non saibamos aínda que pensa facer o goberno para facer valer os seus dereitos?” preguntouse o candidato á presidencia en relación á situación da pesca ante un posíbel Brexit, e comprometeuse a garantir os dereitos do sector pesqueiro galego.