ANTÓN GÓMEZ-REINO, NÚMERO 1 DE EN COMÚN-UNIDAS PODEMOS POLA CORUÑA

"A pasada lexislatura supuxo un salto cualitativo na intervención de Galiza nas políticas do Estado"

"A pasada lexislatura supuxo un salto cualitativo na intervención de Galiza nas políticas do Estado"
Antón Gómez-Reino
Antón Gómez-Reino  

O secretario xeral de Podemos e deputado nas Cortes Xerais, Antón Gómez Reino, preséntase ao Congreso encabezando a candidatura da Coruña de En Común-Unidas Podemos. Declárase como activista social desde moi novo e, ademais, forma parte da Marea Atlántica.

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

O 28 de Abril a cidadanía galega xógase o seu futuro.

Xógase poder chegar con dignidade a fin de mes. Xógase ter un goberno que defenda unhas pensións xustas, nun país no que o 25% das galegas e galegos son pensionistas. Xógase ter salarios dignos, cunha suba substancial do SMI, nun país cos terceiros salarios máis baixos de todo o estado.

O 28-A xogámonos conservar e poñer en valor todo o noso potencial e toda a nosa riqueza

Xógase entrar definitivamente no S XXI. Iso só é posíbel se contamos cun sistema de transporte e cunha dotación de infraestruturas modernas e eficaces que permitan vertebrar o país. Iso tradúcese nunha rede de estradas seguras, nun tren de proximidade que conecte as cidades e vilas coas súas contornas, nunha AP-9 gratuíta e xestionada por Galiza, nunha aposta clara polos medios de transporte alternativos e, por suposto, nun cumprimento co calendario comprometido respecto ao AVE.

O 28-A xogámonos conservar e poñer en valor todo o noso potencial e toda a nosa riqueza. Para iso é preciso termos un modelo produtivo e de creación de emprego que sexa de calidade, sostíbel no tempo, respectuoso co medio e tamén compatíbel coa vida.

Un modelo enerxético que permita ter unha factura eléctrica accesíbel a todos os fogares.

E un modelo cultural que defenda os nosos dereitos lingüísticos, o noso patrimonio e a nosa memoria colectiva.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

A pasada lexislatura supuxo un salto cualitativo respecto da presenza, participación e intervención de Galiza nas políticas do Estado.

O noso grupo puxo enriba da mesa unha Axenda Galega do Cambio, é dicir, unha folla de ruta para que o Estado cumpra con Galiza. Cuestións fulcrais para as galegas e galegos formaron parte das políticas de estado e foron protagonistas na actividade do Congreso grazas ao traballo do noso grupo. Cuestións como: a problemática de Ence, o porto da Coruña, a AP-9 gratuíta, financiación autonómica, a devolución ás galegas do Pazo de Meirás e de todos os bens usurpados polo franquismo, recoñecemento das pensións dos mariños de Long Hope, o tren de cercanías para as áreas metropolitanas por citar algunhas das iniciativas que fixeron que Galiza fora protagonista.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Os problemas de Galiza son múltiples e diversos, mais se tivera que concentrar en tres problemas fundamentais serían: desigualdade e falta de oportunidades, a necesidade de vertebración e cohesión do territorio galego e a falta de modelo produtivo, enerxético e cultural.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Creo que a ninguén se lle escapa que a presenza de Yolanda Díaz no Congreso foi un auténtico exemplo a seguir e que será unha ministra extraordinaria no próximo goberno.

Yolanda Díaz será unha ministra extraordinaria no próximo goberno

Na pasada lexislatura a súa interlocución directa nas negociacións co goberno do Estado en cuestións fundamentais como pensións ou o SMI, tiveron como resultado conquistas históricas para o conxunto das galegas e dos galegos.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Por suposto isto depende dos ritmos e inercias da actividade parlamentaria, mais o noso compromiso é férreo co impulso dunha lei antideslocalizacións para que as empresas que teñan recibido cartos públicos non poidan marchar en dez anos, e se o fan, teñan que devolver eses cartos, iso evitaría a situación que están vivindo o persoal traballador de empresas como Alcoa ou Poligal.

Tamén temos o férreo compromiso de impuslar unha lei do solo que impida construír, sen excepción, sobre terreo queimado e por suposto, levaremos ao Congreso unha suba do salario mínimo interprofesional.

Como ve as opcións de En Común-Unidas Podemos na cita electoral?

En Común-Unidas Podemos saímos o 28 de abril a gañar, co firme convencemento de que teremos representación nas catro provincias galegas.

É algo que xa conseguimos no 2015 e que desta vez, despois do traballo nesta lexislatura do que estamos plenamente orgullosas, teremos máis fácil de acadar.