QUE DIN OS PROGRAMAS E O AS CANDIDATAS NO DEBATE TERRITORIAL

As independencias, no taboleiro

As independencias, no taboleiro
Declaración da Llotja de Mar. 25.10.2019 en Barcelona. Autodeterminación Bieito Lobeira
Declaración da Llotja de Mar. 25.10.2019 en Barcelona. Autodeterminación Bieito Lobeira  
Parece un paradoxo: canto máis presente está a cuestión territorial na axenda electoral, menos opcións ven as forzas independentistas de avanzar nun diálogo. Ou, dito doutra forma, as eleccións non son bo momento para resolver as demandas nacionais, porque as campañas van doutra cousa, de exacerbar sentimentos e mobilizar vontades de xeito irracional. Eis un estrato da peza publicada no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza.

Pedro Sánchez eliminou o federalismo do programa socialista para o 10‑N nun xiro que ten moito que ver coa estratexia electoral do PSOE, mais supón un realiñamento das forzas políticas na cuestión territorial. A decisión de Sánchez prodúcese xusto despois da Declaración da Llotja de Mar que o BNG asinou a semana pasada xunto a forzas como ERC, JxCat, as CUP e EH‑Bildu en Barcelona e que constitúe a toma de posición política máis rotunda do independentismo catalán, vasco e galego desde os anos da Transición.

“Nós tiñamos moi claro que cando tes un conflito co Estado e ese conflito se converte en mercadoría electoral no Estado co que loitas, non pode haber solución de diálogo”, explicou Arnaldo Otegi nunha entrevista con VilaWeb tras asinar a Declaración da Llotja de Mar.

A reactivación da rebelión en Catalunya após a sentenza contra os líderes do procés fará que a cuestión catalá ocupe moito espazo na campaña das estatais do 10‑N. Moito máis que o 28‑A, cando xa foi o asunto central para a cidadanía de todo o Estado. O barómetro postelectoral do CIS constata que, segundo a percepción das votantes, o ítem “Estado das autonomías, cuestión territorial” foi o tema do que máis se falou naquela campaña (15,7%, o único ítem por riba dos dous díxitos). Foi ademais o asunto principal que captou a atención das galegas e galegos entrevistados, por riba da media estatal (16,2) e mesmo superior á media rexistrada en Euskadi.

Os partidos foron perfilando as súas propostas electorais, e situarse a favor ou en contra da independencia catalá é un signo que o electorado identifica con claridade. O interese do debate territorial é maior na Galiza que no resto das nacións do Estado (exceptuando Catalunya, claro). Pode que debido a unha polarización entre as votantes do país que axita sobre todo Feixoo. O estudo do CIS indica que a influencia na decisión de voto da cuestión catalá foi determinante para dúas de cada dez votantes galegas o 28‑A.

É máis, unha de cada catro votantes admite que apoiou partidos que pensan que van evitar a independencia, practicamente a mesma porcentaxe que confesa que a súa decisión estivo marcada por impedir un Goberno das dereitas.

Emerxencia da liberdade

O novo é que os nacionalismos van sendo quen de introducir na axenda outra perspectiva. Se para algo serviu fóra de Catalunya a rebelión cidadá foi para remover os termos do debate territorial, unha competición entre os discursos asentados e os emerxentes que se reproducirá na campaña. Para os nacionalismos, independencia non é antónimo de unidade senón sinónimo de liberdade.

A Declaración da Lloja de Mar é un intento de superar a redución do debate territorial a un debate electoral. Pode que as campañas non sexan un bo momento para resolver a cuestión, pero pode que si para introducir xiros no discurso. Os nacionalistas, ademais, van gañando terreos que outros abandonan en xiros explicábeis só desde unha estratexia puramente electoral. Mesmo se pretendían levar a campaña por outro lado, os partidos ulen que este debate pode ser determinante tamén en escenarios como o galego.

O unionismo está moito máis débil na Galiza do que indica o ton violento da dereita en campaña e no debate cando non hai campaña

Nunca antes as demandas das nacións sen Estado acapararán tanta atención nunha campaña electoral. É un efecto de como se conduciu o Estado desde outubro de 2017, da resposta social en Catalunya, pero tamén do oportunismo electoral de Pedro Sánchez e do seu Goberno, en funcións desde febreiro pasado. A tentación de resolver os problemas de gobernabilidade do Estado cun enfrontamento en Catalunya foi demasiado grande para o PSOE, que condicionou toda a súa estratexia a unha repetición das estatais coa sentenza na man. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]