POR VEZ PRIMEIRA XÚNTANSE AS CANDIDATAS ÁS PRIMARIAS

Candidatura Galega lembra co seu logo a “Xeración Nós"

Candidatura Galega lembra co seu logo a “Xeración Nós"

Iniciativa pola Unión fixo público o logotipo de Nós. Candidatura Galega nunha rolda de prensa na que participaron as candidatas ás eleccións primarias abertas.


Por vez primeira após coñecermos os seus nomes, xuntábanse publicamente como candidatas as persoas que decidiron concorrer ás eleccións primarias convocadas por Iniciativa pola Unión para encabezar as listas das catro circunscricións:  Carlos Callón e Tereixa Novo pola Coruña; Olalla Rodil por Lugo; Noa Presas, por Ourense e Carme Adán, por Pontevedra. Fixérono para presentar o logo co que concorrerá Nós. Candidatura Galega ás eleccións xerais. Trátase dun deseño no que destaca a palabra “Nós” e as cores azul, branca e a vermella da estrela.

“Lembra a xeración máis vizosa, forte e intelixente que deu este país, a Xeración Nós”, salientou Xosé Luís Rivas “Mini”, en representación da coordinadora de Iniciativa pola Unión. "Entre nós, canda nós, con nós... con esta palabra queremos achegarnos á familiaridade de país, co obxectivo de que, desde nós e para nós, poidamos saír desta desfeita e penuria nas que nos meteu no Partido Popular”, apuntou "Mini".

Bermello: "Estas primarias son as máis grandes e con maior participación que se teñen realizado nunca neste país"

Tamén en representación da coordinadora, Suso Bermello, deu conta do proceso de eleccións primarias, que “foi máis axustado en prazos do que nos gustaría polo traballo que fixemos por unha confluencia que non foi posíbel”. En total, foron 5.823 as persoas inscritas no censo, das cales poderán votar 5.796, debido a datos incorrectos ou sen datos de identificación. Bermello subliñou a “participación altísima”, o que converte estas eleccións nas primarias “máis grandes e con maior participación que se teñen realizado nunca neste país”.

Reparto das mesas 

En total, o domingo haberá por todo o país 144 mesas: 61 na provincia da Coruña, 26 na de Lugo, 19 na de Ourense e 38 na de Pontevedra. No que respecta ao censo, están inscritas para votar na provincia da Coruña un total de 2.414 persoas; 758 en Lugo, 524 en Ourense e 1.870 na de Pontevedra. Ademais, anotáronse 170 persoas para votar a través da rede.

Segundo informou a Coordinadora, as mesas, situadas nun amplo abano de espazos públicos (asociacións culturais, veciñais, estabelecementos hostaleiros...) abrirán de 11h a 15h e serán "os propios voluntarios e voluntarias quen acheguen as impresións do censo e mesmo as urnas", indicou Bermello, quen enxalzou "a participación dun pobo que quere estar ao redor da palabra nós".

"O obxectivo pasa por lograr o grupo parlamentar propio"

En declaracións aos medios sobre a previsión dos resultados nas eleccións do 20 de decembro, as candidatas puxeron de manifesto que non se autolimitan, "o obxectivo está aberto e pasa por conseguir un grupo parlamentar galego". As dúas persoas que se presentan ás primarias pola Coruña, Carlos Callón e Tereixa Novo, anunciaron diante dos medios o intercambio de votos, "eu votarei Tereixa e Tereixa votarame a min", afirmou Callón, quen chamou a parar o "tándem Rajoy-Rivera"