O PP CONSERVA O SEU FORTÍN

Acordo en Ourense, Jácome será alcalde e Baltar presidente da deputación

Acordo en Ourense, Jácome será alcalde e Baltar presidente da deputación
Jácome e Baltar
Jácome e Baltar  

O Partido Popular e Democracia Ourensá subscribiron un pacto esta sexta feira 14 de xuño, a menos de 24 horas para a investidura de alcaldías. Gonzalo Pérez Jácome (DO) será alcalde da cidade de Ourense co votos do PP. A cambio, Democracia Ourensá manterá Xosé Manuel Baltar na presidencia da Deputación de Ourense.


O acordo de goberno asinado por Gonzalo Pérez Jácome e Xosé Manuel Baltar a menos de 24 horas da constitución dos concellos asegura acatar o ditado das urnas.

Ambas forzas queren entender ese ditado como unha esixencia da veciñanza para un pacto entre Democracia Ourensá e Partido Popular, toda vez que as alternativas a ese acordo contiñan vetos (en referencia á esixencia de apartar Baltar da deputación que realizaron BNG, PSdeG e C’s) e aseguran que deixaba a capacidade de decidir do goberno “en mans de partidos independentistas” (en referencia ao BNG).

Democracia Ourensá propuxo o 28 de maio un pacto de catro forzas para explusar Manuel Baltar 

Entre as prioridades marcadas no acordo rubricado figura a dotación duns orzamentos “útiles” baseados no idea central de “menos impostos”.

A aprobación do PXOM e as sinerxias concello-deputación serán fulcrais neste mandato, afirman no documento as formacións dereitistas.

Na busca de fortalecer ambos partidos nas dúas institucións, o documento di “DO e PP subscriben este pacto para estabelecer gobernos de concentración para o período 2019-2023 na cidade e na provincia, baseado na lealdade e na cooperación sincera nestas dúas institucións, e considerándose socios prioritarios en calquera outra”.

“Ourense por riba de todo” conclúe o acordo para o reparto da tarta.

Jácome propuxera un pacto para expulsar PP da deputación e concello

O portavoz de Democracia Ourensá propuxo o 28 de maio un pacto de catro forzas para explusar Manuel Baltar da presidencia da Deputación de Ourense e engadiu ademais que ese pacto debía estenderse ao Concello de Ourense.

Os resultados do pasado 26 de maio depararon na deputación 12 escanos para o PP, 9 para o PSdeG, 2 para Democracia Ourensá, 1 para o BNG e 1 para Ciudadanos. Manuel Baltar ficou así a un escano da maioría absoluta.

No concello de Ourense PSdeG foi a forza máis votada e obtivo nove edís, por sete do PP, sete de Democracia Ourensá, dous de Ciudadanos e dous do Bloque.

Esta semana Sermos Galiza adiantara xa a disposición de Democracia Ourensá a falar con "todas as partes", ou o que é o mesmo, a que se o PP apoiase a investidura de Jácome no concello Democracia Ourensá podería asegurar a continuidade de Xose Manuel Baltar na presidencia da Deputación de Ourense, un tesouro que o PP non estaba disposto a perder costase o que costase.

As outras posibilidades de goberno serían entre PSdeG, BNG e Ciudadanos na Deputación, mentres que no concello bastaría o acordo de Jácome co PSdeG de Rafael Villarino.

O secretario xeral do Partido Popular, Miguel Tellado, insistiu nestes días en lograr un acordo coa Democracia Ourensá de Jácome ao enfatizar o seu "absoluto respecto" polas 12.009 que votaron DO nas municipais de Ourense.