JAIME DE OLANO, NÚMERO 1 DO PP POR LUGO

"Os galegos xogámonos o mesmo que o conxunto dos españois: o que vai ser España"

"Os galegos xogámonos o mesmo que o conxunto dos españois: o que vai ser España"
Jaime de Olano
Jaime de Olano  

Jaime Eduardo de Olano Vela encabeza a candidatura do PP por Lugo para o Congreso. É licenciado en Dereito e avogado, ademais de concelleiro en Viveiro desde o 2011. Na última lexislatura tamén foi deputado no Congreso.


Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

Os galegos xogámonos o mesmo que o conxunto dos españois: o que vai ser España nos próximos catro anos. Pero incluso, nesta ocasión, aínda diría máis: xogámonos o que vai ser España no futuro porque, por primeira vez, pode chegar a ser presidente do goberno a través das urnas alguén que pacta con todos aqueles que queren romper España tal e como a coñecemos actualmente, a que foi construída despois da constitución do 78. Por tanto, creo que debemos reflexionar de se nos convén un goberno, avalado por aqueles cuxo obxectivo é dividir ou confrontar, ou, pola contra, un goberno do PP que o único que busca é que cada euro público reverta no beneficio da cidadanía. Un bo exemplo, témolo en Galiza, con Alberto Núñez Feixoo.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

A lexislatura anterior tivo dúas fases ben diferenciadas. A primeira, cun goberno presidido polo galego Mariano Raxoi do Partido Popular, permitiu a Galiza, a través dos orzamentos xerais do Estado, recibir millóns de euros en investimentos dirixidos a incrementar e mellorar as nosas infraestruturas. E, na segunda fase, cun goberno presidido por Pedro Sánchez, na que, practicamente, non se executou nada do que o Partido Popular deixara previsto. Ademais, ao final do mandato, Sánchez presentou uns orzamentos que resumen ben a súa intención: retirar a cada galego 63 euros para darlle 97 euros máis a cada catalán. Por iso, esta segunda parte da lexislatura co goberno do PSOE foi francamente mala para os intereses de Galiza. Os datos son os que dan e quitan razóns, e este recorte lévanos a pensar que os galegos non lle debemos nada ao sanchismo.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Evidentemente en primeiro lugar que a economía tanto de Galiza como de España funcione porque é a mellor maneira de crear emprego.

Despois, por suposto, que exista un novo financiamento autonómico que recolla as sensibilidades de Galiza e, particularmente, un financiamento que teña en conta o custo efectivo dos servizos prestados. Na nosa comunidade autónoma hai moita dispersión e, ademais, conta cunha poboación moi envellecida e, polo tanto, os servizos públicos en Galiza teñen na maioría das ocasións maior custo que noutras comunidades autónomas. Esta será unha das patas importantes que haberá que potenciar na próxima lexislatura.

E, en terceiro lugar, que se remate finalmente a conexión ferroviaria coa meseta a través da alta velocidade e se acaden solucións para o tecido industrial.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Pablo Casado e Mariano Raxoi.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Habería que ver que responsabilidades se me encargan na vindeira lexislatura. Pero, respecto a Galiza e á provincia de Lugo, tanto o que fala coma os dous compañeiros que obteremos representación nestas eleccións, estaremos para defender todas aquelas iniciativas que sexan de interese. Unha delas, sen lugar a dúbidas, será que se tomen solucións para garantir o mantemento da principal empresa da provincia. Refírome a Alcoa. Só a planta de San Cibrao representa o 30% do PIB de Lugo.

É preciso que se teñan en conta as demandas dos 2.000 traballadores cos que conta a planta da Mariña. Mariano Raxoi así o fixo cando era presidente. El tomou si que tomou un avión necesario e foi a EEUU, onde se reuniu co presidente desta empresa a nivel mundial, chegando a acordos e acadando solucións. A día de hoxe, Sánchez o único que fixo foi darlle as costas a estas familias e á nosa provincia, pois unha das medidas que paliaría a situación sería abaratar o prezo da luz. O Goberno do PSOE sábeo, pero o que tamén sabemos todos os galegos é que xa non engana a ninguén e, neste asunto, carece de vontade política para solventar o problema.

Como ve as opcións do PP na cita electoral?

Creo que o Partido Popular vai gañar as eleccións e imos ser capaces de formar goberno porque non haberá grandes maiorías absolutas. En Galiza tamén creo que imos saír vitoriosos nas catro provincias e aspiramos, polo menos, a igualar o número de deputados que obtivemos no 2016.