Javier Maroto, secretario de Organización do PP, nunha entrevista: “No soy gallego, no se preocupe”

Javier Maroto, secretario de Organización do PP, nunha entrevista: “No soy gallego, no se preocupe”
Javier Maroto.
Foto: Flickr do PP
Javier Maroto. Foto: Flickr do PP  

O dirixente popular pronunciou esta frase após dicirlle ao xornalista que ía responderlle cunha pregunta.


“Le voy a responder con unha pregunta pero no se preocupe, no soy gallego”. Javier Maroto, secretario de Organización do Partido Popular español,  respondeu deste xeito a unha cuestión que lle formulaba o xornalista Aimar Bretos nunha entrevista na Cadena Ser na mañá desta quinta feira.

Bretos preguntoulle se o PP estaba disposto a se abster no debate de investidura para facilitar que Pedro Sánchez puidese ser proclamado presidente. Maroto botou man do tópico de asociar as galegas con responder cunha pregunta para posteriormente ‘tranquilizar’ o xornalista: “No soy gallego, no se preocupe”.

Non é a primeira vez que políticos españois meten a zoca con comentarios que repiten certos prexuízos e tópicos sobre os habitantes da Galiza. Un exemplo é Rosa Díez, durante moitos anos militante do PSOE pero reciclada en centralista e centrista de nova cuña en UPyD, que empregara o termo “gallego” como insulto en varias ocasións. A de máis sona fora cando, para definir o ex presidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, afirmara que este era “gallego, en el sentido más peyorativo del término”.

Desculpas

O propio Javier Maroto na súa conta de Twitter pediu desculpas por se as súas declaracións poideran ser "malinterpretadas". Fíxoo após unha internauta reprocharlle, citando a información de Sermos Galiza, as súas frases.